A Xunta aposta polo desenvolvemento de novas ferramentas para mellorar a optimización dos recursos agrarios e a xeración de actividades económicas no medio rural

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou hoxe no Parlamento os obxectivos do proxecto de compra pública de innovación Aldeas Intelixentes

O plan enmárcase no concepto de Smart Villages da Comisión Europea e ten como obxectivo a creación dun territorio rural intelixente no que se potencien os grandes valores das áreas rurais
 

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, explicou esta mañá na Comisión 7ª do Parlamento os obxectivos do proxecto de compra pública de innovación “Aldeas Intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”, impulsado pola Consellería do Medio Rural.

Dito plan, indicou a directora xeral, busca impulsar o desenvolvemento de novas ferramentas e técnicas para mellorar a optimización dos recursos agrarios e a xeración de actividades económicas no medio rural, así como a configuración de espazos que ofrezan calidade de vida e unha contorna favorable para emprender e residir no rural da man dos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Desta forma, a través deste programa búscase un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial e así contribuír aos grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático.

Para iso, recalcou Inés Santé, este proxecto -que se enmarca na política de Smart Villages que está sendo impulsada pola Comisión Europea- conta cun orzamento superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Consellería, que poderán ser ampliados con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para alcanzar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.

Precisamente, trala consulta preliminar ao mercado do plan feita o pasado mes de novembro, a directora indicou que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural está estudando e avaliando as 168 solicitudes recibidas, co fin de seleccionar as máis axustadas aos retos propostos e ás características das aldeas modelo- para xa no mes de febreiro publicar unha ficha de avance de cada unha das ideas seleccionadas. Seguidamente, explicou, abrirase un novo período para a recepción de propostas que deberán ser máis detalladas e establecer os casos de uso e as solucións concretas que dean resposta aos retos recollidos nestas fichas de avance, así como á xeración dun “mapa de demanda temperá”.

Por último, a Axencia publicará un informe final no que se relacionarán as accións realizadas e que se publicará na páxina web da axencia e no perfil do contratante da Xunta de Galicia, é dicir, o listado de posibles licitacións de Compra Pública de Innovación que se promoverán desde a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Rede de aldeas modelo

Todas estas solucións, subliñou a directora xeral, aplicaranse nas aldeas integrantes da Rede de Aldeas modelo de Galicia, que actualmente conta con 14 aldeas declaradas que suman máis de 400 hectáreas e 7.500 parcelas de máis de 1.600 veciños. Precisamente, Santé anunciou que hoxe mesmo se decretarán outras tres novas aldeas nos concellos de Cualedro, Taboadela e Sober.
Por último, a directora xeral afondou nos obxectivos que perseguen esas solucións innovadoras, que se resumen en catro liñas: desenvolvemento de servizos dixitais rurais; solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas; sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e melloras no núcleo rural das aldeas modelo. Solucións baseadas na natureza e a transición enerxética.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/01/2022