Trenor destaca o gran avance que supón para a mancomunidade de Ordes o seu recoñecemento como xeodestino propio

O delegado territorial da Xunta participou na presentación de “Terras de Ordes novo xeodestino”, organizada pola mancomunidade de Ordes

Trenor destacou que Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como un destino aberto e seguro tendo como eixo central o Xacobeo
 

Madrid (A Coruña), 21 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou, esta tarde, na ponencia “Terras de Ordes novo Xeodestino”, dentro das presentacións da programación de Galicia, que se levaron a cabo na 42 edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “Galicia superou os peores anos para o turismo presentándose como destino aberto e seguro ao turismo interno, nacional e internacional e tendo como eixo central o Xacobeo”. Neste senso, apuntou que “en tempos de pandemia, Galicia é un refuxio e o Camiño, un oasis turístico ao aire libre”. “O Xacobeo xa foi en el 2021 un dos motores da recuperación económica de Galicia e estamos seguros que volverá a selo no 2022”, subliñou.

O representante do Goberno autonómico destacou que “o gran avance que supón para esta mancomunidade acadar o recoñecemento como xeodestino propio”. Non foi un camiño fácil pero cada paso que dades é un logro para xerar riqueza nos vosos municipios. “Os concellos desta zona ofrecen a posibilidade de dar un paseo pola Galicia auténtica de tradicións e costumes centenarias”, apuntou.

Trenor recalcou ademais que “o Camiño Inglés converteuse por dereito propio nun alicerce fundamental sobre o que se está construíndo a identidade turística desta mancomunidade. É un dos itinerarios que avanzou de maneira inequívoca gañando peso e popularidade entre os peregrinos e situouse como un roteiro atractivo para o que quere facer un Camiño diferente”.

O delegado da Xunta rematou a súa intervención apuntando que “co apoio dos axentes do sector, as asociacións, as organizacións e os profesionais e da man das ferramentas e dos recursos turísticos deste territorio, o posicionamento da Mancomunidade de Ordes nos últimos anos está a demostrar a súa capacidade de desenvolvemento excepcional”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/01/2022