O Sergas publica as puntuacións definitivas da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario

Ofértanse nestes procesos un total de 1.311 prazas das cales 996 corresponden a 42 categorías de persoal licenciado sanitario e 315 a persoal técnico sanitario

Con esta publicación declárase finalizada a fase de oposición

Proximamente publicaranse as puntuacións provisionais da fase de concurso, que valora a experiencia, formación e a actividade docente e de investigación, entre outros méritos, das persoas aspirantes que superaron os exercicios

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG), na súa edición de hoxe, aproba e dá publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde, ás puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes presentados en cada un dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en 39 especialidades da categoría de facultativo especialista de área, persoal médico de urxencias hospitalarias, médico asistencial 061, médico de admisión e documentación clínica, persoal técnico de farmacia, persoal técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico, técnico superior de imaxe para o diagnóstico, técnico superior de hixiene bucodental, técnico superior de anatomía patolóxica e citoloxía e técnico superior de radioterapia.
O total de aspirantes aprobados é de 2.454 nas categorías de persoal licenciado sanitario e de 1.091 nas categorías de persoal técnico sanitario.
Ofértanse neste proceso un total de 1.311 prazas, das cales 996 corresponden ás 42 categorías de persoal licenciado sanitario, que se desagregan en 89 de persoal médico de urxencias hospitalarias, 10 de persoal médico asistencial do 061, 5 de médico de admisión e documentación clínica e 892 que pertencen a 39 especialidades de facultativo de área.
As 315 prazas restantes corresponden a persoal técnico sanitario das especialidades de farmacia (86), laboratorio de diagnóstico clínico (104), imaxe para o diagnóstico (63), hixiene bucodental (10), anatomía patolóxica e citoloxía (41) e radioterapia (11).
Con esta publicación declárase finalizada a fase de oposición para o acceso á condición de persoal estatutario fixo destas categorías.

Próximas actuacións

Está previsto que proximamente se publiquen as puntuacións provisionais da fase de concurso destes procesos selectivos, así como as listas de selección temporal das categorías de licenciado sanitario de atención hospitalaria que incorporarán xa as puntuacións obtidas neste proceso.
Tamén, proximamente se procederá ao nomeamento de vinte e catro tribunais de diversas categorías de persoal de oficios e outras de xestión e servizos, persoal diplomado sanitario e de cinco categorías de persoal facultativo especialista, nas que figuran un total de 12.974 admitidos provisionalmente.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/01/2022