O Programa Iacobus pecha o prazo de presentación de candidaturas con máis de 300 propostas

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal recibiu 231 solicitudes á 9ª edición do programa para estadías de investigación, ás que se suman outras 74 á 4ª convocatoria do IACOBUS Papers para publicacións científicas

Son 61 candidaturas máis que as rexistradas nas últimas convocatorias das dúas liñas

A Xunta colabora neste programa que desde 2014 leva apoiado 1.200 proxectos cun financiamento de máis de 1,4M€
 

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O programa IACOBUS pechou esta semana o prazo de presentación de candidaturas, con máis de 300 propostas recibidas, 231 delas para os proxectos da novena edición para as estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses e 74 publicacións para optar á cuarta edición do IACOBUS Papers, dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación científica. Son 61 candidaturas máis que as rexistradas nas últimas convocatorias. En concreto, 46 máis no programa de estadías fronte ás 185 do ano pasado e 15 máis no caso das publicacións científicas respecto ás 59 presentadas á convocatoria anterior.
 

A resolución de ambas convocatorias coñecerase trala revisión por parte dunha comisión de selección formada por representantes da Xunta e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), así como da Fundación Centro de. Estudios Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión.

As dúas liñas do programa IACOBUS contan cun financiamento de 200.000 euros. No caso do IACOBUS Estadías o investimento é de 150.000 euros e vai dirixido a favorecer a mobilidade académica de persoal docente e investigador (PDI), investigadores predoutorais ou postdoutorais integrados en grupos de investigación e persoal Administrativo e de Servicios (PAS) das universidades, centros de ensinanza superior e fundacións biomédicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

No caso dos centros tecnolóxicos poden participar os investigadores ou xestores de proxectos de I+D+i con, polo menos, cinco anos de experiencia acreditada nestas tarefas como xestor de innovación e persoal investigador ou de xestión de proxectos I+D+i que no alcance estes cinco anos.

En total, promovense estadías transfronteirizas para desenvolver proxectos de investigación nunha das 39 entidades participantes, isto é, 7 universidades, 4 institutos politécnicos, 22 centros tecnolóxicos e 6 fundacións ou institutos de investigación de Saúde. Estes 6 últimos centros incorporáronse xa na convocatoria do ano pasado co obxectivo de dar un impulso á cooperación en materia sanitaria no contexto marcado pola pandemia do coronavirus.

Deste xeito, a AECT busca fomentar a cooperación e o intercambio entre o persoal das universidades, institucións de ensino superior e centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, facilitando a posta en común de actividades formativas, de investigación e de divulgación.

Por outra banda, a cuarta edición do IACOBUS- Papers, está destinada a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e de divulgación, con axudas económicas á publicación de artigos científicos e de investigación nalgunha das revistas indexadas no vixente Journal Citation Report (JCR) e no SCOPUS para as áreas de humanidades. Estes artigos teñen que ser desenvolvidos coa colaboración transfronteiriza conxunta, por autores pertencentes ás institucións de Ensino Superior da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -universidades e institutos politécnicos- que forman parte do programa.

Tamén o ano pasado se lanzou unha nova modalidade do programa IACOBUS, a IACOBUS Patentes, co obxectivo de promover a creación de novos produtos e servizos, mediante a concesión de axudas coas que fomentar as solicitudes de patentes promovidas dende a Eurorrexión.


Balance programa IACOBUS

O IACOBUS é un programa de cooperación científica, cultural e pedagóxica que ten como principais obxectivos promover e fomentar sinerxías e o desenvolvemento conxunto de actividades de investigación, formativas e de divulgación entre universidades, institutos politécnicos e centros Tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Trátase dunha iniciativa de éxito no ámbito académico da Eurorrexión, que suma 1.200 candidatos nas edicións anteriores e proxectos de investigación que abranguen todas as áreas de coñecemento, cun financiamento total superior a 1,4 millóns de euros, no marco do Programa INTERREG VA España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

Os obxectivos do IACOBUS alíñanse ás prioridades definidas no Plan de Investimentos Conxuntos Galicia - Norte de Portugal (PIC 2021-2027) e nas áreas estratéxicas establecidas pola Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal (RIS3-T).

Data de actualización: 23/01/2022