A Xunta convoca 3 M€ en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta liña de achegas que, por unha banda, busca apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes no rural e, por outra, promover novas actividades empresariais en aldeas modelo

As solicitudes de subvención poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir de mañá
 

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, pola que se convocan 3 millóns de euros en axudas para proxectos de investimento en actividades non agrícolas. Cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, un total de 2,6 millóns de euros dese orzamento están asignados a este ano, mentres 400.000 euros corresponden ao vindeiro exercicio de 2023.

O obxectivo desta convocatoria é dobre. Por unha banda, a Xunta reserva 2,3 millóns de euros do presuposto a apoiar a adquisición de maquinaria e de equipamento en empresas existentes que desenvolvan actividades empresariais non agrícolas no territorio rural galego co gallo de contribuír á súa mellora, ampliación e/ou modernización. Mentres, os outros 700.000 euros serán para apoiar a posta en marcha de novas actividades empresariais de carácter non agrícola nas aldeas modelo xa declaradas, nunha decidida aposta por consolidar e impulsar os instrumentos que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Así, poderán beneficiarse destas axudas as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado, aínda que no caso de proxectos para a posta en marcha de novas actividades empresariais en aldeas modelo admitiranse empresas en constitución ou constituídas con posterioridade a esa data.

Tamén poderán acceder ás achegas persoas físicas que residan nunha zona rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, desde antes do 1 de setembro de 2021 ou despois, no caso tamén de proxectos en aldeas modelo. O mesmo requisito en canto ás datas de alta como autónomo ou de constitución de persoas xurídicas aplica tamén para o terceiro tipo de beneficiarios, isto é, titulares dunha explotación agraria ou membros da súa unidade familiar que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. O prazo límite para executar e xustificar as actuacións correspondentes á anualidade deste 2022 será o vindeiro 30 de setembro, mentres as de 2023 terán como data tope o 1 de agosto do ano que vén.


Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220125/AnuncioO90-301221-0001_gl.html

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/01/2022