A Xunta destaca a consolidación da Central Agropecuaria de Galicia Abanca cun aumento da facturación o ano pasado do 67% ata os 21 M€

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe en Silleda as instalacións da lonxa, que está considerada un referente ao contar coa única poxa informatizada de vacún en España

Xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia, introduzo importantes melloras tecnolóxicas, como un sistema telemático para comunicar aos u
arios os resultados de cada poxa en tempo real

A Central conta tamén coa Mesa de Prezos, un foro para o establecemento dos prezos de referencia semanais que permite unha comercialización máis xusta e transparente
 

Silleda (Pontevedra), 25 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou hoxe a Central Agropecuaria de Galicia Abanca, xestionada pola Fundación Semana Verde de Galicia e consolidada como referente no sector gandeiro coa única poxa informatizada de vacún en España.
Alfonso Rueda comprobou en Silleda o funcionamento dun sistema pioneiro referente para o sector na actividade de comercialización que se desenvolve cada martes, e percorreu as instalacións da lonxa que pechou o 2021 con 21 millóns de euros en facturación, o que supón un incremento dun 66,8% respecto do 2020.

A poxa de gando vacún da Central Agropecuaria Galicia Abanca, que inclúe tenreiros de recría, tenreiros carniceiros e vacas, baséase nun modelo de comercialización que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores. Creada no ano 1981, incorporou 13 anos despois un sistema informatizado único en España.

O proceso contou nos últimos anos con importantes melloras tecnolóxicas, como a incorporación dun sistema telemático para comunicar aos usuarios en tempo real o resultado de cada poxa sen que teñan que acudir ao recinto de Silleda, así como unha aplicación para que os compradores fagan as súas ofertas desde o móbil, onde tamén poden recibir os resultados da poxa. A maiores, o complexo agropecuario dispón dunha Mesa de Prezos, un foro sen presenza física para o establecemento dos prezos de referencia para as transaccións semanais.

Cifras récord

No 2021 pasaron polas instalacións de Silleda un total de 45.163 cabezas de gando que deron lugar a transaccións por valor de 21.235.772 euros. O ano pasado acadáronse, ademais, tres récords históricos no prezo pagado polos exemplares de vacún, así como marcas históricas no prezo medio de vacún maior e no volume de facturación conxunto nunha sesión, o que confirma a Central Agropecuaria de Galicia Abanca como un espazo de referencia para o sector gandeiro.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/01/2022