Conde e o alcalde de Pantón avalían novas vías de colaboración para potenciar o tecido empresarial da localidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co rexedor deste municipio lucense, José Luis Álvarez, no que puxeron de manifesto a importancia da cooperación institucional

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo recentemente un encontro -celebrado en Santiago de Compostela- co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, no que ambos os dous puxeron de manifesto a importancia da cooperación institucional para impulsar o tecido empresarial e avaliaron novas vías de colaboración para seguir potenciando o emprendemento e os novos investimentos no municipio lucense.

Neste sentido, desde 2009 a Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao Concello, empresas e veciños de Pantón con axudas por máis dun millón de euros, que permitiron mobilizar 2,5 millóns en eidos como o impulso ao sector comercial e á industria forestal, o apoio ás pemes ou no ámbito da mellora da subministración eléctrica e a eficiencia enerxética.

Neste sentido, no marco deste espírito de cooperación institucional, a Xunta ten posto tamén en marcha outras iniciativas ás que Pantón se pode adherir. É o caso das vantaxes coas que contan os Concellos Emprendedores, unha figura creada polo Goberno autonómico coa colaboración da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ser Concello Emprendedor implica que colaboran coa Administración galega na captación de novos investimentos para Galicia, contribuíndo a alcanzar tres grandes retos: máis simplificación administrativa, máis facilidades de acceso a solo industrial, e máis incentivos fiscais.

A cambio, os Concellos Emprendedores teñen prioridade en convocatorias de ordes de axudas da Xunta de Galicia dirixidas, por exemplo, á mellora dos parques empresariais, a posta en marcha de viveiros industriais ou o impulso da biomasa. Deste xeito, contribúese tamén á creación de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/01/2022