A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, acompañada do delegado territorial, visitou a rúa Xosé Lesta Meis na Coruña

A Xunta ofrece axudas de ata 20.000 euros para a adquisición dunha vivenda protexida

Ángeles Vázquez invita aos galegos a solicitar unha subvención ao abeiro deste programa, cuxo orzamento se multiplica por cinco na actual convocatoria para chegar ata os 2 millóns de euros

Anuncia que mañá se licitará, por máis de 360.000 €, a redacción do proxecto de construción de 40 novas vivendas de promoción pública no barrio coruñés de Xuxán
 

A Coruña, 25 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia ofrece axudas de ata 20.000 euros para adquirir unha vivenda protexida. Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá á rúa Xosé Lesta Meis na Coruña, localizada no barrio de Xuxán, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor.

Precisamente, esta cidade acaparou a metade das axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de 2021, que pechou con éxito. En toda Galicia, outorgáronse un total de 40 subvencións por 450.000 euros, esgotándose o crédito previsto, e no caso concreto da Coruña foron 20, por un importe de 252.000 euros, todas localizadas en Xuxán.

“Esta foi a principal razón que motivou á Xunta a facer unha nova convocatoria e a incrementar o orzamento ata os 2 millóns de euros, o que significa multiplicar por cinco o previsto na anterior anualidade”, subliñou a conselleira.

Vázquez Mejuto lembrou que o prazo de solicitudes xa está aberto —desde o pasado sábado e ata o 30 de setembro— e os beneficiarios poderán acceder a unha axuda equivalente ao 20% do custo do inmoble, cun límite de 20.000 euros no caso de solicitantes menores de 35 anos e que compraran a súa vivenda nunha cidade. Para o resto, o importe máximo dependerá da idade e da área xeográfica na que estea localizada.

Así mesmo, destacou que todas aquelas persoas que en 2021 presentaran unha solicitude, e quedaran fóra por esgotamento de crédito, teñen dereito a presentala novamente.

Impulso ao barrio coruñés de Xuxán

Por outra banda, a conselleira incidiu en que esta liña de axudas se verá reforzada por actuacións directas da Xunta en materia de vivenda, que no caso concreto da Coruña se concentran en gran parte no barrio de Xuxán.

Así, aproveitou para anunciar que mañá se licitará por 361.838,19 euros a redacción do proxecto de construción de 40 novas vivendas de promoción pública na parcela Z-13, que se sumarán ás 40 xa en construción e que se prevén rematar este mesmo verán. En total, as 80 VPP suporán un investimento de 12,5 millóns de euros, dos cales 3,5 están reservados nos orzamentos deste ano.

Ángeles Vázquez lembrou que o Goberno galego é propietario da metade do solo deste barrio, no que xa consignou 19 millóns de euros para as obras de urbanización, executadas polo sistema de cooperación.

Segundo explicou, nesta modalidade de colaboración o Concello da Coruña actúa de promotor, polo que licita e contrata as obras de urbanización, e os propietarios realizan as achegas correspondentes para facilitar o avance dos traballos. Nese sentido, recordou que a Xunta adiantou máis de 1,8 millóns de euros para posibilitar a licitación das obras actuais, polo que solicitou á Administración local axilidade na súa execución.

Por último, adiantou que nos próximos meses se convocará o concurso de venda de solo na fase 2 de Xuxán para que os promotores interesados en construír vivenda protexida poidan adquirir esta superficie residencial.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 25/01/2022