A Xunta imparte un novo taller gratuíto no campus de teleformación sobre a igualdade laboral no eido da negociación colectiva para 400 participantes

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o segundo obradoiro no campus virtual da Xunta sobre igualdade laboral e lembrou que este ano ofertará 5.000 prazas gratuítas de formación

A participación nestes webinarios brinda ás persoas participantes a posibilidade de obter un certificado de aproveitamento ao remate da xornada

A Xunta estrea no campus un repertorio xurisprudencial con información e pílulas audiovisuais sobre as máis recentes sentenzas en igualdade laboral

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O espazo de teleformación da Xunta en materia de igualdade laboral ofrece hoxe o obradoiro gratuíto en liña co título A igualdade de oportunidades e a prohibición de discriminación que conta con cerca de 400 inscricións. Con esta nova formación, que hoxe inaugurou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, preténdese afondar na inclusión do principio de non discriminación desde a perspectiva dos plans de igualdade e a súa inclusión na negociación colectiva. O de hoxe é o segundo obradoiro en liña que a Administración galega ofrece a través da plataforma na que se espera este ano ofertar un total de 20 obradoiros con máis de 5.000 prazas de formación aberta á cidadanía.
A directora xeral cualificou os plans de igualdade como “instrumentos revolucionarios” para “garantir a igualdade entre mulleres e homes nas condicións laborais”. “É totalmente imprescindible que a súa elaboración sexa a adecuada, para que ao final da mesma se inclúan as medidas necesarias que ataquen e erradiquen a desigualdade”, incidiu.
A sesión de hoxe distribuíuse en 4 horas docentes nas que afondar sobre o marco normativo do principio de igualdade e a súa aplicación na negociación colectiva. Imparten a formación o catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo, Jaime Cabeza; e a inspectora de traballo, Teresa Pedrosa.
Mancha aproveitou para anunciar un próximo taller que se celebrará o 8 de febreiro que que versará sobre a diagnose e a información cuantitativa e cualitativa que é necesaria para a realización dos plans de igualdade. Terá continuidade, tal e como detallou, con máis actividades formativas nas que se abordará a análise de cada unha das materias que integran os plans e as medidas a activar polas empresas.
As persoas participantes nestas actividades poden obter o correspondente certificado de aproveitamento do taller sempre que asistan á sesión en liña e respondan satisfactoriamente a polo menos o 70 % das cuestións expostas no test de avaliación que se facilita ao seu remate con varios días para poder cumprimentalo.

5.000 prazas de formación gratuíta

En 2022 o Goberno galego ofertará 5.000 prazas a través do seu espazo virtual de teleformación en igualdade laboral con cursos que afondarán, entre outras cuestións, na fenda salarial, a desconexión dixital, os teitos de cristal ou o teletraballo.
Trátase de concienciar da importancia da igualdade no traballo e da necesidade de que mulleres e homes poidan desenvolver a súa profesión baixo as mesmas condicións.
En 2021 máis de 3.000 persoas recibiron o seu certificado de aproveitamento, sendo ademais Galicia a primeira e única comunidade autónoma en impartir este tipo de cualificación en modalidade virtual por medio da plataforma estreada no mes de outubro.

Repertorio xurisprudencial

Mancha informou de que a páxina web do campus virtual abriu unha nova sección que inclúe un repertorio xurisprudencial, no que se inclúen as sentenzas máis novas relacionadas coa igualdade laboral, acompañadas dunha pílula audiovisual e un pequeno resumo. Está ao dispor das persoas interesadas na ligazón https://igualdade-laboral.gal/informacion-tematica/.

Data de actualización: 25/01/2022