A Xunta destina aos clubs deportivos do sur lucense 108.000 euros para a súa reactivación, a compra de equipamento e a loita contra a pandemia

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Secretaría Xeral para o Deporte distribuíu 55 axudas directas nas comarcas de Chantada, Quiroga e Lemos

Lembrou que ata o 7 de febreiro están abertas novas convocatorias de apoios para a realización de actividades e para a adquisición de equipamento
 

Monforte de Lemos (Lugo), 26 de xaneiro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, investiu 108.300 euros nas comarcas de Quiroga, Chantada e Terra de Lemos para a reactivación do deporte a través de 55 axudas directas a clubs ao longo do pasado ano.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Monforte de Lemos o Club de Montaña e Piragüismo Quixós, un dos beneficiarios do programa de mellora de equipamentos, e lembrou que están abertas novas convocatorias, tanto desta liña como da destinada a sufragar a actividade das entidades deportivas galegas. O prazo de solicitudes remata o 7 de febreiro.

Esta última medida de apoios supuxo nos últimos meses un investimento na zona sur da provincia de 32.183 euros destinados a 16 clubs, mentres que a de equipamentos sumou 31.583 euros distribuídos entre 10 entidades. Ademais, o ano pasado habilitouse outra liña extraordinaria de reactivación, tras a etapa de paralización e restricións derivadas da pandemia, pola que se achegaron 29 axudas por importe de 44.561 euros nestas comarcas.

Arias afirmou que a Xunta traballou por “axudar ao tecido deportivo a facer fronte ás perdas pola caída de ingresos ou gastos como as cotas federativas; retomar a súa actividade e facelo en condicións de seguridade, implementando elementos e protocolos de prevención fronte ao covid-19; e ampliar e modernizar o seu equipamento”.

Neste sentido, sinalou que a Xunta subvenciona tanto dotacións específicas para a modalidade deportiva de que se trate -embarcacións, porterías, tatamis...- como outros elementos necesarios para o desenvolvemento das actividades, mesmo vehículos para os traslados, así como material sanitario, entre eles desfibriladores ou caixas de primeiros auxilios.


2,7 millóns de euros

Javier Arias destacou que a Secretaría Xeral para o Deporte destina este ano 2 millóns de euros para as subvencións a clubs, un 4% máis que no 2021, e 700.000 euros para as subvencións para a adquisición de equipamentos.

As primeiras contarán cunha dobre liña de actuación; por unha banda, a destinada ao desenvolvemento de actividades deportivas, cunha contía de axuda máxima por entidade beneficiaria de 10.000 euros, e por outra, a destinada aos núcleos de adestramento deportivo especializado, que pode chegar aos 30.000 euros.

No tocante ás achegas para equipamento, duplícase a contía máxima da axuda prevista na anterior convocatoria, ata alcanzar os 10.000 euros tanto para clubs como para federacións.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/01/2022