O presidente da Xunta respondeu hoxe ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

Feijóo anuncia a convocatoria dunha OPE con 106 prazas de médico especialista de área en atención primaria

Agradece novamente o compromiso de todo o persoal do Sergas, cuxo traballo fixo posible que Galicia lidere o proceso de vacinación e sexa unha das comunidades con menor número de pacientes covid ingresados en hospitalización ou en unidades de críticos

Pide novamente ao BNG que apoie as demandas da Comunidade ao Goberno central para poder afrontar a falta de médicos, como: o incremento de prazas MIR de familia; a convocatoria dun MIR específico para esta especialidade, a creación da especialidade de medicina de urxencias ou a eliminación das taxas de reposición
 

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia aprobará proximamente unha Oferta Pública de Emprego con 106 prazas de médico especialista de área en atención primaria. Será a primeira por concurso de méritos de España.

En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara, Feijóo subliñou que esta iniciativa sumarase a outras que xa está a poñer en marcha o Servizo Galego de Saúde, co obxectivo de mellorar a situación que atravesa a atención primaria motivada pola pandemia, entre as que destacou: a incorporación de 86 médicos xubilados para reforzar as tarefas de seguimento dos casos covid; “e anotáronse xa 150 médicos sen especialidade para diminuír a burocratización”, engadiu.

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico recordou que, hoxe, a atención primaria conta con 831 traballadores máis que cando chegou ao Goberno, dos que máis de 100 son médicos de familia e 378 persoal de enfermaría. Ademais de contar con 90 centros de saúde novos ou reformados, aos que se engadirán 51 máis nesta lexislatura.

O presidente da Xunta aproveitou a súa intervención para agradecer novamente o compromiso de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde cuxo traballo fixo posible que Galicia lidere o proceso de vacinación e sexa unha das comunidades con menor número de pacientes covid ingresados en hospitalización ou en unidades de críticos.

Así mesmo, pediu novamente ao BNG que apoie as demandas da Comunidade ao Goberno central; unhas reivindicacións que cualificou de “xustas e razoables” para poder afrontar a falta de médicos, como: o incremento de prazas MIR de familia; a convocatoria dun MIR específico para esta especialidade, a creación da especialidade de medicina de urxencias ou a eliminación das taxas de reposición.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/01/2022