A Xunta apoia ao Concello de Bóveda na posta en servizo dun punto limpo móbil cunha axuda de 57.000 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego concedeu achegas por valor total de 1,1 M€ nos dous últimos anos para mellorar a xestión de residuos en 31 municipios da provincia

As entidades locais interesadas poden solicitar ata o 31 de xaneiro os apoios ao abeiro da nova convocatoria aberta para adquirir este tipo de instalacións

Bóveda (Lugo), 26 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda facilitou ao Concello de Bóveda a posta en marcha un punto limpo móbil, grazas á concesión dunha axuda de 57.100 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, comprobou o novo equipamento, financiado con cargo á orde de axudas de 2021 para colaborar coas entidades locais na adquisición deste tipo de instalacións.

Javier Arias explicou que nos dous últimos anos, a Xunta leva destinados 1,1 millóns de euros a mellorar a xestión de residuos en 31 municipios da provincia de Lugo, mediante achegas destinadas á habilitación de puntos limpos móbiles ou espazos de autorreparación, o fomento da compostaxe e a implantación da recollida separada da fracción orgánica.

Engadiu que a Xunta ten aberto -ata o 31 de xaneiro- o prazo de solicitudes de dúas novas convocatorias, con diferentes liñas de actuación, dirixidas a entidades locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos. Están dotadas cun orzamento de 15,7 millóns de euros.

Unha delas destina 2,2 millóns de euros a apoiar a instalación de puntos limpos móbiles e a recollida dos residuos domésticos especiais, é dicir, aceites domésticos usados ou téxtiles. Os concellos que desexen contar cun punto limpo itinerante poden solicitar unha axuda de ata 70.000 euros ou de ata 100.000, se a convocatoria é conxunta, para adquirir un vehículo que facilite a recollida de residuos urbanos especiais.

A segunda orde ten por obxecto mellorar a xestión dos biorresiduos, mediante unha liña de axudas aos concellos para introducir o quinto contedor no servizo de recollida municipal (dotada con 8,5 M€) e outra para fomentar a compostaxe doméstica ou comunitaria (4,9 millóns).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/01/2022