O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe varias preguntas no Pleno da Cámara

A Xunta defende unha política industrial para unha transición xusta, que aposta pola innovación, a sustentabilidade e o diálogo social

Conde reclama o apoio do Goberno á industria galega e advirte do reparto pouco eficiente e transparente que está a facer dos fondos europeos

Destaca que Galicia xa bateu en novembro o seu récord histórico de exportacións cun volume de máis de 23.100 millóns de euros, sendo, ademais, a Comunidade coa balanza comercial máis positiva, próxima aos 4900 millóns de euros

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, subliñou hoxe que a Xunta de Galicia defende unha política industrial para unha transición xusta, que aposta pola innovación, a sustentabilidade e o diálogo social.

En resposta a unha interpelación no Pleno da Parlamento, Conde salientou que a prioridade do Goberno galego no contexto actual é acompañar o tecido empresarial para dar resposta ás súas necesidades e seguir impulsando a competitividade da economía galega. Ao respecto, apuntou que, á espera de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións cun volume de máis de 23.100 millóns de euros, sendo, ademais, a Comunidade coa balanza comercial máis positiva, próxima aos 4900 millóns de euros.

O vicepresidente económico reclamou o apoio do Goberno central á industria galega e advertiu do reparto pouco eficiente e transparente que está a facer dos fondos europeos. Volveu insistir na necesidade de que fixe un prezo eléctrico estable e competitivo para Alcoa e Alu Ibérica e o resto da industria electrointensiva, que na actualidade paga máis do dobre que en Francia e case un 30% máis que en Alemaña. Tamén puxo de manifesto a falta de sensibilidade do Executivo central con sectores estratéxicos como a automoción, o naval e o complexo agro-mar-industria pola transición enerxética que está a levar a cabo. E pediulle novamente o seu apoio ao Pacto de Estado por Ferrolterra deseñado pola Xunta da man dos concellos e os axentes económicos e sociais.

Fronte este escenario, Conde subliñou que a Xunta está activando todas as pancas de crecemento necesarias: os Orzamentos para 2022, con 11.600 millóns de euros; o Plan estratéxico de Galicia 2030, que ten como un dos obxectivos principais aumentar o peso do sector industrial ou duplicar o investimento en I+D+i —que xa é o máis alto da historia, con 641,7M€—; a candidatura de proxectos galegos aos fondos europeos Next Generation, con proxectos como a fábrica de fibras téxtiles; e a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
Neste sentido, apuntou que a Administración galega xa declarou sete iniciativas empresariais prioritarias para apoiar proxectos de firmas como Cortizo, Albo, Oviganic, Sogama, Ignacio González Montes e Bioenerxías de Lugo e Ourense, que suman investimentos por preto de 118M€ e un compromiso de 432 postos de traballo. Ademais, sinalou que o pasado ano en Galicia se constituíron cada día unha media de 11 empresas. En total, 3927 sociedades, un 23% máis que en 2020, superando ademais as cifras previas á pandemia.

Desenvolvemento eólico sustentable


Preguntado, tamén, polo desenvolvemento do sector eólico en Galicia, Conde reiterou que o obxectivo da moratoria de ano e medio establecida pola Administración galega é avaliar os 275 expedientes presentados ata o de agora coas máximas garantías. Segundo remarcou, todos os proxectos que se tramitan en Galicia se axustan á normativa e só se autorizan aqueles que cumpren con todas as garantías técnicas, xurídicas e medioambientais.

Por outra banda, para reforzar a compatibilidade coa protección do medio ambiente e as actividades do sector primario, lembrou que a Administración galega propuxo unha nova limitación na distancia dos aeroxeradores con respecto aos núcleos rurais, urbanos ou urbanizables, pasando dos 500 metros actuais a cinco veces a altura total do aeroxerador.

Xunto con isto, sinalou que se están impulsando diferentes ferramentas para achegar información aos concellos, á cidadanía e ao resto de entidades interesadas: a rede de información provincial de proxectos eólicos; a Guía divulgativa da tramitación dun proxecto eólico, dispoñible en web; e a Oficina de información a propietarios de terreos, para informar sobre métodos e criterios de valoración, así como a normativa aplicable para a clasificación e cualificación do solo.

No caso concreto do parque eólico de Corme, en Ponteceso (A Coruña), Conde remarcou que a sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) non é firme , e subliñou que “en Galicia a última palabra téñena sempre a lexislación e a normativa”. Segundo dixo, a repotenciación deste parque eólico permitiu cambiar 61 aeroxeradores antigos por outros sete máis modernos e eficientes sen aumentar a potencia, o que supón unha redución de preto do 90% co correspondente beneficio medioambiental e paisaxístico.

Por outra banda, con respecto ao parque eólico dos Cotos, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), Conde quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade e confianza. Explicou que, detectado o erro da promotora na relación de bens e dereitos afectados, xa se abriu de novo o prazo de información pública para a presentación de alegacións. E remarcou que a súa aprobación dependerá exclusivamente de se axusta ao que di a lei e do que digan todos os órganos consultados, incluído o propio Concello.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/01/2022