A Xunta apoia as exposicións caninas que acollerá esta fin de semana o Pazo de Feiras, con probas de ámbito internacional

Lugo, 27 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou na presentación das exposicións caninas que se celebrarán esta fin de semana en Lugo e manifestou o apoio do Goberno galego ao evento porque “facilita a proxección da cidade como destino turístico de congresos e ten unha notable repercusión socioeconómica”.

Neste sentido, lembrou que o Pazo de Feiras acollerá o sábado a 99 Exposición Nacional Canina de Galicia e o domingo, 30 de xaneiro, a 100 Exposición Nacional Canina de Galicia & 44 Exposición Internacional Canina de Galicia, que atraen a centos de participantes de distintas procedencias -de España, e nesta ocasión tamén de Francia e Portugal-, e a milleiros de visitantes. Ao respecto, sinalou que “un dos obxectivos da Xunta, dende o Padroado da Fundación de Feiras e Exposicións, é conformar unha programación atractiva tanto para os lucenses como para o público foráneo, que sirva de elemento dinamizador da cidade”.
A Xunta patrocina tamén os 300 trofeos que se entregarán nas distintas probas destes certames, tanto de ámbito internacional como nacional. Ao respecto, Arias felicitou aos organizadores, a Sociedade Canina Galega, por alcanzar a edición número 100 e polo traballo desenvolvido, incluíndo “o esforzo realizado por incorporar as medidas de protección que demanda a situación da pandemia para achegar seguridade aos asistentes”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/01/2022