A Xunta destaca a contribución dos premios AJE Ourense na construción dunha Galicia en positivo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou na entrega dos galardóns que o tecido empresarial está dando mostras da súa capacidade de resistencia e de adaptación aos cambios


A falta de coñecer os datos de decembro, Ourense xa logrou o seu mellor rexistro exportador en 2021 con 933M€

O ano pasado constituíronse nesta provincia 354 empresas, un 11% máis que en 2020
 

Ourense, 27 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou esta tarde, na entrega dos X Premios AJE Ourense, a contribución destes galardóns para construír unha Galicia en positivo.

Na súa intervención, o vicepresidente económico puxo en valor o esforzo do tecido empresarial galego xa que, nesta etapa de incertezas, está dando mostras da súa capacidade de resistencia e de adaptación aos cambios.

Neste sentido, explicou que, a falta de coñecer os datos de decembro, Galicia xa bateu o seu récord histórico de exportacións. Un dato que non se podería explicar sen o labor do tecido empresarial da provincia de Ourense, onde as vendas ao exterior medraron un 31,1%, sumando 933M€ e facendo de 2021 o mellor ano da historia de Ourense en exportacións. Conde tamén se referiu aos datos de creación de empresas. Ao longo do ano pasado, na provincia de Ourense botaron andar 354 compañías, a unha media dunha diaria, o que supón un incremento do 11% con respecto a 2020.

O vicepresidente económico sinalou que para seguir apoiando este crecemento, desde a Xunta adoptaranse medidas de acompañamento ás empresas. Destacou os orzamentos máis altos da historia de Galicia, que inclúen rebaixas fiscais e 2600M€ para a recuperación económica; o Plan estratéxico 2030 para aumentar o peso industrial e duplicar o investimento en I+D+i; a Lei de simplificación administrativa para a recuperación; ou os fondos europeos de recuperación Next Generation, cunha candidatura galega composta de proxectos sólidos e viables, polo que se agarda que o Goberno central mostre a sensibilidade necesaria para ter en conta a Galicia no reparto de ditos fondos.
 

Data de actualización: 27/01/2022