A Xunta recibe 5 ofertas para a dixitalización dos elementos de defensa da rede autonómica de estradas, licitada por case 2,4 M€

O contrato conta cun prazo de execución de 18 meses e ten como obxectivo acadar un ‘xemelgo dixital da estrada’ para facilitar a actividade administrativa, redactar proxectos de mellora ou para os labores de conservación

Elaborarase a cartografía dixital dos 5.500 km de estradas de titularidade autonómica, tanto en dúas como en tres dimensións

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta recibiu 5 ofertas de empresas para desenvolver a dixitalización dos elementos de defensa da rede autonómica de estradas de Galicia, unha actuación licitada por case 2,4 millóns de euros.

As 5 ofertas presentadas a este contrato están conformadas por UTE, o que supón que hai un total de 11 empresas interesadas. Os traballos teñen un prazo de execución de 18 meses e serán financiados no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.

O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é acadar o “xemelgo dixital da estrada”, é dicir, un modelo dixital que se vai procesar para facilitar, tanto a actividade administrativa en relación coa estrada, como a redacción dos proxectos ou os labores de conservación.

Neste sentido, baixo este contrato elaborarase a cartografía dixital dos 5.500 quilómetros de estradas de titularidade autonómica, tanto en dúas como en tres dimensións.

O servizos contratados incluirán a realización dunha captura masiva de puntos cun levantamento realizado mediante mapeo móbil. Este sistema consiste no escaneo en tres dimensións das estradas desde un vehículo que percorrerá toda a rede cun sistema de toma de datos das estradas.

Estes puntos obtidos clasificaranse con técnicas de intelixencia artificial, de modo que se identifiquen obxectos como liñas, carteis, barreira ou bordos. Unha vez identificados, converteranse en liñas que se poidan situar espacialmente, en tres dimensións.

A dixitalización realizarase sobre a base da última cobertura de fotografía aérea e cartografía dispoñible na Xunta, integrarase no sistema cartográfico xestionado polo Instituto de Estudos do Territorio e permitirá actualizar o Catálogo Visual de Estradas.

Unha vez efectuadas estas tarefas, obteranse vectorizados todos os elementos que definen e delimitan as estradas, entre eles, eixes das estradas, liñas de separación de carrís, bordos de beirarrúas e sendas ou obras de paso como pontes, viadutos, pasos superiores, inferiores ou túneles.

Este inventario estará á disposición da Administración para a elaboración de proxectos e a conservación de estradas, pero tamén para facilitar por exemplo os planeamentos urbanísticos.

Dixitalización e Innovación en estradas

Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas elaborou unha Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Trátase de dar resposta ás necesidades en xestión integral das estradas autonómicas, buscando a integración de todos os datos e sistemas informáticos.

Esta base de datos estará ao dispor dos cidadáns, mellorando a transparencia, aforrando custos e tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración.

No marco deste proxecto, o departamento que dirixe Ethel Vázquez xa adxudicou o contratos de dixitalización dos expedientes de expropiacións da rede autonómica de estradas e o relativo á dixitalización da información actualmente en papel do dominio público das estradas.

Data de actualización: 29/01/2022