A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu a reunión do Observatorio de Acción Voluntaria para iniciar os trámites deste documento

Galicia comeza a elaborar a estratexia de voluntariado 2027 para “recoller e amplificar o impulso solidario dos galegos”

A conselleira convidou a todos os axentes implicados no ámbito que realicen as súas achegas para que a folla de ruta recolla con fidelidade os retos de futuro

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presidiu a reunión do Observatorio de Acción Voluntaria na que se acordou iniciar a elaboración da Estratexia de Acción Voluntaria 2027, que ten como finalidade “recoller e amplificar o impulso solidario dos galegos”, subliñou a conselleira.

Fabiola García destacou que a traxectoria do voluntariado galego é ascendente, pois nos últimos anos multiplicouse por 30 o número de experiencias de voluntariado certificadas pola Xunta de Galicia.

Así mesmo, a conselleira de Política Social explicou que a base das novas liñas estratéxicas será o estudo que realizou a Xunta hai uns meses sobre o perfil do voluntariado en Galicia. Este documento permite realizar un retrato fiel e das entidades que dan vida a esta actividade, das súas preocupacións e as súas prioridades.

Para que esta folla de ruta recolla con fidelidade os retos de futuro de Galicia para ser unha terra cada ano máis solidaria, Fabiola García convidou a todos os axentes implicados na acción voluntaria a que realicen as súas achegas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2022