A Xunta ofrece no Centro Galego de Arte Contemporánea obradoiros experimentais de arquitectura para público infantil

Dirixidos á rapazada de seis a 11 anos, desenvólvense a última fin de semana de cada mes ata maio

O obxectivo é facilitar a interpretación da arquitectura contemporánea a través das teorías, proxectos e traballos de figuras destacadas nesta disciplina

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta ofrece no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) obradoiros experimentais de arquitectura para público infantil que terán lugar as últimas fin de semana de cada mes ata maio. O obxectivo é facilitarlle á rapazada as ferramentas e claves básicas para interpretar a arquitectura contemporánea. Trátase da sétima edición dunha iniciativa dirixida polo arquitecto e educador Fermín Blanco. O arquitecto, fotógrafo e cineasta Tono Mejuto imparte as sesións, cunha didáctica baseada no xogo que mestura teoría e práctica.

O programa desenvólvese os últimos sábados e domingos de cada mes, de 11,00 a 13,00 horas, para nenos e nenas de seis a oito anos na primeira xornada e para o colectivo de nove a 11 anos na segunda. Cómpre inscrición previa a través do enderezo cgac.prensa@xunta.gal nos prazos que se poden consultar na web do centro.

Cada un dos obradoiros céntrase nunha figura da arquitectura contemporánea, afondando nos seus traballos, proxectos e teorías para introducirse en mundos creativos. Búscase fomentar a reflexión individual ao tempo que o traballo en equipo, coa construción a grande escala.

Así, na sesión de xaneiro, esta fin de semana, os participantes proxectarán torres cápsula seguindo o modelo do xaponés Kisho Kurokawa e na de febreiro achegaranse á Chandigarh, a cidade utópica, da man da británica Jane Drew. En marzo os protagonistas serán os franceses Lacaton&Vassal coa rehabilitación en clave bio e en abril, o mundo das medidas a través do alemán Neufert. Por último, maio centrarase na reflexión sobre o territorio en clave paisaxística, co traballo do canario César Manrique.

Data de actualización: 28/01/2022