Nava Castro destaca o alto impacto da promoción do Xacobeo 21-22 no ámbito nacional e internacional

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu no Parlamento de Galicia par dar conta dun primeiro balance das accións e iniciativas promocionais levadas adiante en 2021 para darlle visibilidade á celebración do Ano Santo

Destacou os máis de 25 millóns de impactos acadados en medios dixitais e redes sociais coas diferentes iniciativas que permitiron dar a coñecer o Xacobeo en máis de 200 países

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu hoxe diante da Comisión 6ª do Parlamento para facer un primeiro balance das accións e impacto da promoción do Xacobeo 21-22 levada adiante o ano pasado. Fíxoo destacando o alto impacto acadado pola celebración con máis de 25 millóns de impactos en medios e redes sociais a través das diferentes accións promocionais que permitiron achegar a celebración a 20 países de Europa, Asia e América ou a través de iniciativas deportivas como La Vuelta que se retransmite en máis de 190 países.
Deste xeito, Nava Castro puxo en valor as iniciativas que permitiron espallar a celebración do Ano Santo primeiro por Galicia, con iniciativas como O Teu Xacobeo, Instagrammers no Camiño ou a través de fam e press trips, entre outras, logo polo conxunto do territorio nacional con presentacións do Xacobeo noutras comunidades autónomas ou con iniciativas coa España Verde e, na medida en que foron mellorando as condicións de mobilidade e da pandemia, tamén no ámbito internacional, con iniciativas como a retransmisión da apertura da Porta Santa ou o Acende O Xacobeo, a través de ferias especializadas ou grazas ao papel protagonista que tivo a celebración do Ano Santo no Centro Multimedia inaugurado en Roma e que se orientou exclusivamente á promoción da celebración do Xacobeo.
“Tiñamos como obxectivo que a xente viñera a Galicia a facer o Camiño e a vivir o Xacobeo, pero non só iso, o Camiño e o Xacobeo son, por riba de todo, unha porta para promocionar Galicia”, explicou a directora de Turismo de Galicia diante da Comisión 6ª para engadir que “podemos dicir que se as diferentes vacinas puxeron freo á crise sanitaria, o Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22 son as vacinas económica, social e espiritual que puxeron a Galicia no camiño da reactivación”.

Camiña a Galicia

A directora de Turismo de Galicia tamén aproveitou para por en valor a campaña Camiña a Galicia, na que se investiu 7,9 millóns de euros nos orzamentos do ano pasado co obxectivo de convidar a recorrer o Camiño baixo a consigna de que as rutas xacobeas estaban abertas e eran seguras. Castro destacou que a campaña, a través das súas diferentes ondas, resultou todo un éxito e puxo como exemplo que no verán “a campaña chegou a 30 millóns de persoas do territorio nacional e acadou máis de 7 millóns de impactos en medios dixitais, ademais de contar con presenza en países como Portugal, Italia e Alemania”.
Finalmente, a directora de Turismo de Galicia, fixo fincapé en que a promoción do Xacobeo redunda de xeito beneficioso no só na marca Galicia se non tamén na marca España, como exemplo dunha experiencia única que singulariza o noso territorio e segue sendo o noso mellor embaixador no mundo.

Data de actualización: 28/01/2022