A Biblioteca de Galicia inaugura unha mostra sobre Reimundo Patiño, un dos pioneiros do cómic galego e homenaxeado este ano polo día da ilustración

A exposición organizada pola Xunta e a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración pode visitarse no Gaiás ata maio e percorre a obra do artista coruñés en varios eidos, especialmente no da banda deseñada

O cómic mural ‘O home que falaba vegliota’ ou ‘2 viaxes’, o primeiro álbum en galego nesta disciplina, publicado con Xaquín Marín, son algunhas das pezas destacadas

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición en homenaxe a Reimundo Patiño neste 2022 polo Día da Ilustración. Ata o 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás a mostra que fai un percorrido polas facetas do autor e pintor coruñés, con especial fincapé na banda deseñada, eido no que é considerado un dos pioneiros en Galicia.

A exposición, que conta con ao redor de 40 pezas entre distintas reproducións e exemplares relacionados coa súa obra, está artellada en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada. Con respecto a este último campo, durante o acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou a importancia de pór en valor a Reimundo Patiño “como un dos pais desta disciplina en galego cun estilo e unha linguaxe artística moi persoal, expresionista, informalista e surrealista”, ademais de sinalar que se trata “dunha das figuras da pos-guerra mais importantes para a nosa cultura, impulsor do colectivo Estampa Popular Galega e coautor do primeiro álbum de cómic na nosa lingua”.

Na inauguración tamén estiveron os comisarios da mostra, Daniel Buján e Noelia Báscuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia. Ademais, interviu Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), entidade que colabora coa exposición, e tamén asistiu a diretora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Percorrido pola exposición

Nas vitrinas instaladas no vestíbulo da Biblioteca de Galicia atópanse exemplares como o de 2 viaxes, o primeiro álbum de cómic editado en galego, lanzado por Reimundo Patiño xunto co Xaquín Marín. Grazas ao Museo Carlos Maside tamén se expoñen as reproducións dixitais dalgunhas das 12 serigrafías que compoñen o cómic mural O home que falaba vegliota, considerada a obra fundacional da banda deseñada galega.

A mostra complétase con catálogos das súas exposicions, ilustracións e monografias en revistas, así como distintos textos como prólogos ou artigos que o autor realizou como teórico (revistas Vieiros e Grial ou xornal La Noche). Entre este material destacan os seus limiares na revista Cuadernos da Gadaña. Entre outras pezas, tamén se pode contemplar unha edición de Bandeiras Neboentas, un libro póstumo de poemas, publicado en 1992, que reflicte a súa faceta menos coñecida.

Ademais, participan nesta iniciativa catro artistas (Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López) que realizaron especialmente para esta homenaxe cadansúa ilustración na que amosan a súa visión persoal do artista.

Forte actividade cultural e sociopolítica desde Madrid

Reimundo Patiño, nado na Coruña en 1936 e finado en 1985 pouco antes de cumprir os 50 anos, mantivo unha intensa actividade a nivel de ideais políticos e en prol da cultura galega desde que se instalou en Madrid en 1958. Así, a finais dos 60 impulsou a creación do colectivo Estampa Popular Galega, que produciu obra gráfica cunha forte compoñente sociopolítica.
Xa nos anos 70 erixiuse en cofundador do Taller Redor, a primeira galería de arte experimental española. Foi alí onde estampou e expuxo o cómic mural O home que falaba vegliota (1972) que une nunha mesma manifestación artística gravado e cómic. En 1975 publicaría, xunto con Xaquín Marín, o mencionado primeiro álbum de banda deseñada en galego, 2 viaxes, editado no seu selo Brais Pinto Gráfica.
Patiño colaborou como ilustrador en obras de autores importantes da época como Novoneyra, Méndez Ferrín ou Manuel María. É de destacar, ademais, que nos 80 foi convidado a participar en exposicións do grupo Atlántica, foco da renovación da plástica galega.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2022