A Xunta achega máis de 800.000 euros para financiar 74 prazas nos centros de día e ocupacional de San Xerome Emiliani

O Goberno galego realiza neste 2022 o maior investimento da historia de Galicia en atención á discapacidade, con 141,7 millóns de euros, un 12,5% máis que o ano pasado

A Guarda (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, subliñou que a Xunta de Galicia achega máis de 800.000 euros para financiar 74 prazas nos centros de día e ocupacional de San Xerome Emiliani. Esta mañá visitou os usuarios que acoden cada día a estes centros para recibir unha atención persoalizada.

Ademais desta achega para o financiamento de prazas, a Administración autonómica tamén destina máis de 120.000 euros a esta asociación para sufragar proxectos de rehabilitación ou de mellora de accesibilidade.

Fernando González Abeijón destacou que a atención á discapacidade é unha das prioridades da Xunta de Galicia, por esta mesma razón, recordou, o Goberno galego realiza neste 2022 o maior investimento da historia da Comunidade para este eido, isto é, 141,7 millóns de euros, un 12,5% máis que o ano pasado.

Neste sentido, lembrou que a Administración autonómica está a reforzar a colaboración co tecido social, integrado por entidades que demostran cada día que coñecen á perfección as necesidades das familias e persoas con discapacidade. Deste xeito, incrementase os fondos do 0,7% do IRPF ata os 19,4 millóns de euros, e créanse 280 novas prazas de atención, que permitirá chegar ás 5600 prazas en toda Galicia
 

Data de actualización: 28/01/2022