A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, firmou hoxe este acordo coa directora de Acuaes, Rosa Cobo, e a rexedora de Ponteareas, Cristina Fernández

A Xunta, Acuaes e o concello de Ponteareas selan o convenio que permitirá a ampliación da depuradora da Moscadeira e a mellora do saneamento cun investimento conxunto de 11,7 M€

Vázquez Mourelle destaca que a Xunta achegará 2,3 M€ de fondos propios da Comunidade á reforma e a ampliación da depuradora municipal de Ponteareas, declarada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018 como de Interese Xeral do Estado


As obras posibilitarán o funcionamento da rede, reducindo as infiltracións e propiciando a captación e a separación das augas brancas

Detalla que é o primeiro paso para dotar de saneamento o núcleo de Ribadetea, que depende desta ampliación da depuradora para tratar as augas residuais
 

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, Acuaes e o Concello e Ponteareas asinaron o acordo para a execución da ampliación da depuradora da Moscadeira e a mellora do saneamento deste municipio pontevedrés cun investimento conxunto de 11,7 M€.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, firmou hoxe este convenio de colaboración coa directora de Acuaes, Rosa Cobo, e a rexedora de Ponteareas, Cristina Fernández.

Vázquez Mourelle subliñou que o convenio para a execución da reforma e a ampliación da depuradora da Moscadeira é un fito, posible tras a decisión do Goberno de Mariano Rajoy de declarar estas obras como de Interese Xeral do Estado.
Detallou que a Xunta achegará un investimento de 2,3 M€ de fondos propios da Comunidade Autónoma para a financiación deste proxecto. O resto do orzamento, ata completar os 11,7 M€ necesarios, obterá financiamento dos fondos europeos consignados ao Estado e das tarifas que nos próximos anos abonarán os usuarios.

Sinalou que para o Goberno galego é unha satisfacción poder contribuír a mellorar o funcionamento e ampliar a capacidade dunha depuradora que se atopa ao límite das súas posibilidades e presenta importantes deficiencias, que lle impiden cumprir cos parámetros normativos.

Estas obras posibilitarán o funcionamento da rede de saneamento, reducindo as infiltracións e propiciando a captación e a separación das augas brancas.

Trátase do primeiro paso para dotar do servizo de saneamento que aínda carece o núcleo de Ribadetea e que depende desta ampliación da depuradora para poder dar tratamento ás augas residuais.

A conselleira lembrou que a Xunta se implicou desde hai anos nesta intervención, pois elaborou un anteproxecto coas actuacións necesarias e tamén colaborou co Concello en actuacións de saneamento e abastecemento.

Apelou a seguir colaborando co Goberno central en actuacións estratéxicas coma estas, xa que de modo conxunto se impulsaron obras de grandes depuradoras que preservan as augas da Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Ribeira ou Lugo, e está en trámites a de Santiago.

Apoio da Xunta aos concellos

Ethel Vázquez fixo fincapé en que aínda que as competencias de abastecemento, saneamento e depuración son municipais, a Xunta é consciente de que o exercicio eficaz destas responsabilidades ten implicacións técnicas e económicas que desbordan a capacidade dos concellos.

Neste sentido, precisou que o Goberno galego vén dedicando na última década un esforzo de acompañamento as municipios na xestión do ciclo da auga, investindo máis de 1.100 millóns de euros en obras hidráulicas.

Indicou que este traballo permitiu que hoxe o 90% das aglomeracións urbanas cumpran coa Directiva europea en materia de depuración, fronte ao 50% do 2009. Tamén se incrementou en 10 puntos a porcentaxe de masas de auga en bo estado nas rías, alcanzando o 76%.

Salientou que a Xunta, na busca da xestión profesional da auga, está a impulsar a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga para reforzar o apoio aos concellos e garantir a calidade na prestación dos servizos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2022