O presidente da Xunta asistiu esta mañá á presentación do proxecto Cancer Innova

Feijóo expón a colaboración público-privada como clave para acadar a consolidación do sector biotecnolóxico galego, reter talento e impulsar a economía

Refírese á iniciativa Cancer Innova como un bo exemplo desta aposta, que aliña a ciencia coas necesidades da industria para facer fronte aos retos médicos presentes e futuros

Afirma que neste 2022 a Xunta seguirá comprometida co sector biotecnolóxico médico, cunha nova liña de axudas para consolidar empresas e achegar produtos novos ao mercado; co apoio ao Centro de Alta Tecnoloxía Covid-19; e coa ampliación das capacidades da plataforma Innopharma

Incide na oportunidade que supoñen os fondos Next Generation, cunha candidatura galega que se está a elaborar co clúster da saúde e que aspira a acadar un investimento de 500 millóns de euros

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo hoxe a colaboración público-privada como elemento clave para acadar a consolidación do sector biotecnolóxico galego, atraer e reter talento investigador e impulsar a economía.

Durante a presentación do proxecto Cancer Innova, Feijóo referiuse a esta iniciativa como un bo exemplo desta aposta, que aliña a ciencia coas necesidades da industria para facer fronte aos retos médicos presentes e futuros. Así, destacou que este programa é a primeira iniciativa especializada da incubadora Business Factory Medicines, que nace da colaboración entre científicos -a través da Fundación Kaertor-, a industria -Janssen e Lilly- e pacientes -Asociación Española contra o Cancro-.

“Estamos a falar dun proxecto para impulsar a investigación de novas terapias desde a Comunidade. Un proxecto estratéxico a nivel global, porque se enmarca dentro do marco Horizonte Europa sobre o cancro, pero tamén estratéxico para Galicia porque empresas líderes a nivel internacional apostan por investir na nosa terra”, explicou, subliñando que, na súa primeira fase, esta iniciativa aspira a contar cun orzamento de 5 millóns de euros, podendo chegar a sumar 30 millóns coa posta en marcha da segunda fase da aceleración e a través de fondos de capital risco.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo galego afirmou que neste 2022 a Administración autonómica seguirá comprometida co sector biotecnolóxico médico, cunha nova liña de axudas para consolidar empresas e achegar produtos novos ao mercado, dotada con 3 millóns de euros; co apoio ao Centro de Alta Tecnoloxía Covid-19 (5M€); e coa ampliación das capacidades da plataforma Innopharma (5M€). Ademais de contar cun centro de produción de medicamentos CAR-T.

Nesta liña, incidiu tamén na oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation, a través do PERTE de Saúde de Vangarda. Unha oportunidade que en Galicia se traduce nunha candidatura que se está a elaborar co clúster da saúde e que aspira a acadar un investimento de 500 millóns de euros.

Feijóo concluíu precisando que o proxecto Cancer Innova forma parte da estratexia galega do sector biotecnolóxico; unha folla de ruta que mobilizará entre 2021 e 2025 máis de 660 millóns de euros, co fin de aumentar un 50% as empresas desta industria, crear 500 empregos e aumentar un 20% o número de investigadores.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2022