A Xunta establece sinerxías con El Hierro para intercambiar experiencias sobre as Cíes e a illa canaria

Ambos destinos foron nomeados e recomendados recentemente polo xornal The New York Times como lugares sostibles para visitar

As dúas administracións coinciden na importancia de conservar os valores naturais e etnográficos destes espazos que os fan únicos e exclusivos
 

Madrid, 29 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia está a establecer sinerxías con El Hierro para intercambiar experiencias sobre as illas Cíes e a illa canaria despois da recomendación realizada polo xornal The New York Times.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente do Cabildo de El Hierro, Alpidio Armas, mantiveron un encontro no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur), celebrada en Madrid a semana pasada, que serviu, segundo salientaron, como “prólogo de futuros contactos”.

Ambos responsables destacaron que queren aproveitar a oportunidade de establecer sinerxías entre ambas illas, despois de que esta publicación recomendase os dous destinos españois como lugares sostibles para visitar este ano.

Tanto Alpidio Armas como Belén do Campo puxeron en valor a coincidencia de que dous territorios, un no norte e El Hierro como territorio máis ao sur de España, ostentasen este distintivo por parte dun dos diarios máis prestixiosos dos Estados Unidos.

"Este fito convídanos a intercambiar experiencias, tendo en conta que o arquipélago das Cíes está dentro do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas e El Hierro está considerada como Reserva da Biosfera e Xeoparque, ademais do feito de que ambos territorios son insulares", coincidiron en subliñar, e engadiron que, polo tanto, “estamos ante dous espazos que son exemplos e referentes da necesidade de garantir o equilibrio entre a protección e o uso sostible”.

A listaxe elaborada polo medio norteamericano centrou a súa atención nos cambios que está a sufrir o planeta e en como poñer freo a problemas como o turismo excesivo e o cambio climático.

Así, sobre as Cíes, a escritora Anne Lise Sorensen salienta o límite de visitantes diarios instaurado pola Xunta, mesmo antes da pandemia —tan só 1.800 en tempada alta—, como idea de protexer o medio ambiente e o excesivo turismo. Ademais, do arquipélago encomia tamén ser exemplo de biodiversidade protexida, con reservas naturais, abundante vida mariña e colonias de aves; e os esforzos de conservación, que inclúen restricións aos coches, os hoteis e o ruído.

Así mesmo, destaca as paisaxes insulares que poden gozar os visitantes, a través das longas praias, do mergullo en augas cristalinas e camiñar por sendas que levan aos faros. E salienta que as noites na illa tamén se poden deleitar, pois os ceos estrelados están recoñecidos como destino Starlight pola súa escasa contaminación lumínica.

Mentres, a xornalista Danielle Pergament describe a El Hierro como "a máis remota e, para algúns, a máis encantadora das Illas Canarias”. Ademais, como líder en enerxía renovable, fai mención á central hidroeólica Gorona do Vento, inaugurada en 2014, que utiliza un sistema de encoros e vento para fornecer electricidade á illa. Desta maneira, sinala que avanza no obxectivo de abastecer aos habitantes con enerxía 100% renovable.

Neste sentido, tamén destaca que, mentres El Hierro planta un pé no futuro, a identidade cultural da illa mantén o outro enraizado no pasado, e proba diso é a súa linguaxe asubiada, unha das últimas deste tipo en todo o mundo.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/01/2022