O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo hoxe un encontro con representantes do colectivo

A Xunta traslada á plataforma de usuarios a súa disposición a analizar novas propostas para continuar a mellorar o funcionamento dos servizos de autobús entre Ferrolterra e a Coruña

Os representantes da plataforma de usuarios comprometéronse a remitir propostas concretas de mellora, que serán valoradas pola Administración coa mesma vontade construtiva que impulsou o reforzo continuo de servizos nos últimos meses

Os servizos especiais que atendían no pasado as necesidades de mobilidade de distintos colectivos respondían a acordos privados coa empresa de transportes, que cobraba un bono mensual aos viaxeiros a un prezo moi superior ao actual

A actual concesión procura responder a demanda de mobilidade do conxunto dos usuarios de forma moito máis económica e con gratuidade para menores de 21 anos
 

Ferrol, 28 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe á plataforma de usuarios a súa disposición a analizar novas propostas para continuar a mellorar o funcionamento dos servizos de autobús entre Ferrolterra e A Coruña. O director xeral de Mobilidade do Goberno galego, Ignacio Maestro, e o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na provincia da Coruña, José Antonio Álvarez, mantiveron hoxe en Ferrol unha xuntanza con representantes do colectivo para escoitar as súas inquedanzas e coñecer as súas propostas.

Co fin de seguir optimizando as conexións e a súa adaptación ás necesidades dos cidadáns, os representantes da plataforma de usuarios comprometéronse a remitirlle á Administración autonómica propostas concretas de mellora. Pola súa banda, o Goberno galego manifestou a súa disposición a analizar esas suxestións coa mesma vontade construtiva que impulsou o reforzo continuo dos servizos nos últimos meses.

O director xeral de Mobilidade lembrou, tamén, que os servizos especiais que no pasado servían as necesidades concretas de determinados colectivos de usuarios se enmarcaban en acordos privados, independentes do contrato de concesión da Xunta, entre eses grupos e unha empresa de transporte, que cobraba aos usuarios un bono mensual cun prezo notablemente superior ao que ofrece a actual concesión.

Actualmente, co novo contrato de transporte público, a Xunta pretende atender a demanda de mobilidade do conxunto dos usuarios de forma moito máis económica para os viaxeiros en xeral e con gratuidade para os menores de 21 anos grazas á tarxeta Xente Nova, que financia a Administración autonómica.

Grazas á flexibilidade dos contratos do Plan de transporte público de Galicia, nos últimos meses a Xunta impulsou continuas adaptacións e reforzos dos servizos de Ferrrolterra e da súa conexión con Coruña co fin de atender na maior medida as solicitudes dos diferentes grupos de usuarios.

Así, xa na primavera pasada reforzáronse os servizos de primeira hora da mañá e da tarde para atender aos traballadores que se desprazan entre Ferrol e A Coruña e implantouse un novo reforzo con motivo do inicio do curso universitario.

Posteriormente, o pasado mes de outubro, a Xunta iniciou o proceso para unha reestruturación da concesión co obxectivo de adaptala de forma máis eficaz ás necesidades dos usuarios, un proceso para o que realizou enquisas entre os viaxeiros e solicitou a participación dos concellos, con escaso éxito.

Froito do traballo de análise, o pasado 10 de xaneiro implantáronse os novos servizos, un importante reforzo das conexións directas entre Ferrol e A Coruña, en concreto, con 55 expedicións máis directas cada semana entre as dúas cidades.

Ademais, o pasado luns, 24 de xaneiro, puxéronse en marcha novas adaptacións e reforzos das comunicacións por estrada, co obxectivo de atender as poboacións intermedias e con especial atención as necesidades do alumnado de diferentes centros de ensino e dos traballadores.

Agora, a Xunta manifesta a súa determinación a continuar a traballar para atender do xeito máis satisfactorio posible o interese xeral dos usuarios do transporte público na comarca de Ferrolterra.

 

Data de actualización: 28/01/2022