A mellora da clasificación microbiolóxica de catro zonas de produción de moluscos de Galicia facilitará o labor do sector

Dúas desas áreas de traballo pasan de ser zona B, que require enviar o produto a unha depuradora, a ser zona A, polo que pode comercializarse directamente a través dun centro de expedición

Outras dúas pasan de ter que enviar o marisco a depuración natural mediante reinstalación en batea a poder vendelo previo paso por unha depuradora

Estas melloras afectan a unha superficie de arredor de 4 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros e a 80 bateas e axilizarán o traballo dos mariscadores e produtores das zonas afectadas ao reducir ou eliminar os prazos de depuración dos produtos extraídos
 

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A mellora dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción de moluscos bivalvos da comunidade permitiu que desde esta semana catro desas áreas produtivas teñan unha mellor clasificación microbiolóxica, o que facilita o labor do sector.
As análises realizadas nestas zonas de traballo revelaron de xeito continuado unha menor presenza da bacteria E. Coli que na súa anterior clasificación, o que permitiu cambiar a súa catalogación mediante unha resolución publicada polo Intecmar o pasado xoves. As melloras supoñen que unha zona de produción marisqueira e outra de cultivo de moluscos en viveiros flotantes que tiñan clasificación B -polo que os produtos extraídos tiñan que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda- pasan a ser A, co que o recurso extraído pode ser comercializado directamente a través dun centro de expedición.
A elas engádense outras dúas zonas marisqueiras que estaban catalogadas como C e pasan a ser zona B. Deste xeito o produto que antes tiña que pasar por depuración natural mediante reinstalación en batea, agora poderá comercializarse directamente previo paso por unha depuradora. Isto supón a mellora da clasificación microbiolóxica para 80 bateas e nunha superficie total de arredor de catro millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros das confrarías de Fisterra, Corcubión, Cambados, Vilanova de Arousa e Arcade.
Estes cambios, froito da mellora da calidade das augas, facilitarán o traballo dos mariscadores ao reducir ou eliminar os prazos de depuración dos produtos extraídos e deberían redundar nun mellor prezo das súas capturas en lonxa.
As zonas que pasan de estar clasificadas como B a ser zona A son a parte media da ría de Corcubión e o polígono de bateas A Pobra D, na ría de Arousa. Pasan de C a B a zona comprendida entre o tramo da estrada PO-550 que dá acceso ao porto de Tragove e a desembocadura da canle de entrada á zona de Entre Canos, na ría de Arousa, e a enseada de Larache, na ría de Vigo.
O traballo de seguimento constante dos bancos marisqueiros que fai a Xunta a través do Intecmar permite coñecer o seu estado e ver o xeito de mellorar a súa produción polo que estas melloras na clasificación son froito das actuacións para mellorar o saneamento das rías e a calidade das augas.
Estas melloras facilitarán o traballo dos profesionais do marisqueo e dos produtores de mexillón das zonas afectadas e súmanse ao resto de zonas que xa melloraron a súa clasificación nos últimos anos. Desde 2009 ata xaneiro deste ano houbo unha mellora en 33 zonas de produción de moluscos bivalvos en viveiros flotantes (10 polígonos de bateas con 848 bateas beneficiadas) e 23 zonas de moluscos infaunais, con 139 bancos marisqueiros beneficiados e unha superficie estimada de máis de 13,9 millóns de metros cadrados.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 29/01/2022