Feijóo destaca o compromiso da nova delegada da Xunta en Ferrol para impulsar o desenvolvemento da comarca e velar polo cumprimento do Pacto de Estado

“Esta nova delegación non nace para comezar a preocuparnos polos problemas de Ferrolterra, nos que levamos traballando 12 anos; tampouco para ter un cargo máis. Nace para garantir que se cumpra o comprometido cos ferroláns”, di

Pola súa banda, a nova delegada territorial pediu novamente a implicación de todas as administracións no Pacto de Estado, xa que é necesario para a transformación e o desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
 

Compartir
  • whatsapp

Ferrol, 28 de xaneiro de 2022.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe o compromiso da nova delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, para impulsar o desenvolvemento da comarca e velar polo cumprimento do Pacto de Estado.

“Esta nova delegación non nace para comezar a preocuparnos polos problemas de Ferrolterra, nos que levamos traballando doce anos; tampouco para ter un cargo máis. Esta nova delegación nace para garantir que se cumpra o comprometido cos ferroláns”, aseverou.

Logo de lamentar o silencio do Goberno central para desenvolver as cen medidas incluídas no documento, Feijóo asegurou que a Xunta, pola súa banda, seguirá traballando.

“Temos que inxectar optimismo a unha industria naval que leva moito tempo sen carga de traballo; impulsar o potencial enerxético desta comarca e seguir mellorando os servizos públicos, reflectidos nos 130 M€ para o novo hospital de Ferrol, na construción dunha nova residencia de maiores e na reforma do centro de maiores de Caranza”, precisou, referíndose tamén ás infraestruturas viarias para mellorar as conexións con Valdoviño, Cedeira e Ortigueira.

Así mesmo, destacou a aposta polos espazos singulares e pola posta en valor da capacidade ambiental da zona, coas Fragas do Eume, o Xeoparque do Cabo Ortegal e o novo albergue de peregrinos na Casa do Mar.

Pola súa banda, a nova delegada asegurou que asume estas novas responsabilidades nas que porá todo o seu esforzo e dedicación para traballar por Ferrolterra; ao tempo que pediu novamente a implicación de todas as administracións no Pacto de Estado. É necesario, dixo, para a transformación e o desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/01/2022