O programa Alerta Hipoglicemia do 061 de Galicia axilizará e personalizará o tratamento dos pacientes con hipoglicemia por metabolopatías

O programa, desenvolvido en colaboración coa Unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas hereditarias do Hospital Clínico Universitario de Santiago permitirá identificar aos pacientes a través do rexistro de Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Conta coa colaboración da Unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas hereditarias do Hospital clínico Universitario de Santiago de Compostela como centro de referencia de esta enfermidade pouco frecuente a nivel estatal

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, acompañado da directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan, asistiu hoxe a presentación do programa Alerta Hipoglicemia por Metabolopatías que vén de poñer en marcha o servizo público galego de emerxencias sanitarias. Ao acto tamén asistiron o xefe de Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición na Área Sanitaria de Santiago, Miguel Ángel Martínez Olmos e o secretario da secretario da Asociación galega para a divulgación e o empoderamento da glicoxenose (Agadeg), Alberto Molares Vila.

O programa Alerta Hipoglicemia por Metabolopatías desenvolvido por Urxencias Sanitarias de Galicia-061 en colaboración coa Unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas hereditarias do Hospital clínico Universitario de Santiago de Compostela e Agadeg permitirá identificar previamente a estes pacientes no caso de que sofran unha urxencia ou emerxencia sanitarias e poder así, non só axilizar a súa asistencia, senón tamén garantir que reciban o tratamento específico para súa patoloxía concreta.

Importancia de aplicar a medicación axeitada

Nos casos de patoloxías pouco frecuentes, como é a hipoglicemia causada por metabolopatías, a administración da medicación axeitada pode resultar vital, xa que estes enfermos non responden aos medicamentos habitualmente dispensados para tratar a urxencia no seu caso.

Así, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 conta cun rexistro para a identificación destes pacientes que permitirá coñecer que as persoas a asistir padecen esta patoloxía. O rexistro conta, inicialmente, coa colaboración da Unidade de diagnóstico e tratamento de enfermidades metabólicas hereditarias do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela como centro de referencia de esta enfermidade pouco frecuente a nivel nacional.

Deste xeito, a Consellería de Sanidade, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 segue a traballar pola mellora continua na súa actividade asistencial, axilizando a asistencia sanitaria á urxencia e á emerxencia sanitaria e prestando a atención máis axeitada segundo as características específicas dos pacientes.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 02/02/2022