A Xunta adxudica por 356.000 euros as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos

Este contrato enmárcanse na colaboración entre a Xunta e o Concello para realizar as obras pendentes en toda a zona norte da parroquia e parte da zona sur

Augas de Galicia asume o seu compromiso de financiar o 75% das obras de saneamento desta parroquia

A rede deseñada servirá unha poboación máxima de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur

A Xunta segue a traballar para reforzar o apoio aos concellos na prestación dos servizos da auga, de responsabilidade municipal, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral, naqueles municipios que o soliciten de xeito voluntario
 

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou hoxe as obras para completar e rematar a rede de saneamento na parroquia de Pereiras, no concello de Mos.

Este contrato foi adxudicado á empresa Vázquez y Reino, S.L., por un importe de 356.000 euros. As obras contan cun prazo de execución de 4 meses.

Mediante esta colaboración dáse cumprimento ao acordado co Concello, que en decembro de 2019 executou xa parte da rede de saneamento na zona sur desta parroquia, financiada integramente pola entidade local.

Deste xeito, a Xunta asume o seu compromiso de financiar o 75% as obras de saneamento da parroquia de Pereiras, que serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As obras obxecto do contrato

O concello de Mos pertence ao Consorcio do Louro e dirixe as augas residuais á depuradora de Guillarei. A parroquia de Pereiras divide a rede de saneamento en zona norte e sur, quedando pendente de completar toda a área norte e parte da sur non executada.

Segundo o proxecto redactado por Augas de Galicia, as actuacións que se levarán a cabo para completar a rede de saneamento da parroquia de Pereiras dividiranse en dúas zonas.

Na zona norte proxéctase un colector principal, cunha lonxitude duns 593 metros en PVC 315 mm, e un colector secundario, cunha lonxitude de 178 metros, en tubaxe de PVC 315 mm. Executaranse tamén 35 pozos.

Na zona sur, completarase a intervención coa execución de 1.052 metros de tubaxe de PCV 315 mm e un total de 46 pozos.

Os traballos completaranse coa reposición dos firmes das vías que resulten afectadas.

Unha vez recibidas as obras polo Concello, o Consorcio do Louro asumirá a súa posta en servizo, explotación, mantemento e conservación.

Coa mellora proxectada servirase unha poboación de 96 habitantes na zona norte e 132 habitantes na zona sur.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito máis eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Nesta liña o departamento que preside Ethel Vázquez, segue a traballar no obxectivo de intensificar o apoio aos concellos, a través da Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que permitirá xestionar os servizos da auga de xeito profesionalizado naqueles municipios que así o soliciten de xeito voluntario.

 

Data de actualización: 02/02/2022