A Xunta convoca as probas para avaliar competencias clave en matemáticas e linguas dunhas 4.000 persoas

Os interesados en realizar os exames, que terán lugar a finais de xuño en Silleda, poden cursar a súa solicitude desde mañá e ata o próximo 7 de abril de 2022

A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, avaliará os coñecementos en matemáticas, lingua galega, lingua española e inglés

Diríxense a persoas que non teñan título da ESO ou Bacharelato e desexen cursar certificados de profesionalidade que inclúen como requisito esa formación

Desde o ano 2009, cerca de 39.000 galegas e galegos solicitaron acreditar as súas competencias clave a través deste procedemento artellado pola Xunta
 

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta convoca hoxe, a través do Diario Oficial de Galicia (DOG), as probas de avaliación en competencias clave para que as persoas que non posúen a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato poidan acreditar os seus coñecementos, acceder á formación para o emprego e cursar os certificados de profesionalidade que requiren deses requisitos académicos.

O Goberno galego estima que unhas 4.000 persoas poidan acceder á convocatoria 2022, na que se valorarán as competencias das persoas participantes en matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés.

A presentación de solicitudes arranca mañá e rematará o próximo 7 de abril de 2022 e pode realizarse a través da Sede Electrónica da Xunta (código de procedemento TR306A). Está previsto que os exames teñan lugar a finais do vindeiro mes de xuño en sesión de mañá e tarde, no Recinto Feiral de Silleda, en Pontevedra. Para garantir a seguridade das persoas participantes, estarase ao que recomenden nese momento ás autoridades sanitarias en canto á concentración masiva de persoas.

O Goberno galego convoca estas avaliacións co obxectivo de facilitar que as persoas traballadoras galegas poidan acceder ás accións formativas dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, que requiren estar en posesión de titulacións mínimas ou ter as competencias clave necesarias. Para acadalas, ademais de facer as probas que hoxe se convocan, as persoas interesadas tamén poden realizar cursos de formación específicos. Para os certificados de nivel 1, pola contra, non existen condicionantes académicos nin laborais.

Con estas medidas a Xunta trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegos e galegas, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro.
Dende 2009 ata 2021, un total de 38.916 persoas solicitaron participar nestas probas.

Para obter máis información, a Consellería de Emprego e Igualdade dispón dun enderezo específico: https://empregoeigualdade.xunta.gal/formacion/competencias-clave. A través da web, as persoas interesadas poden acceder á información xeral das probas e mesmo a exemplos de exames como os que van realizar.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/02/2022