A Xunta anuncia a retirada da obrigatoriedade de solicitar o certificado covid no sector da hostalería

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comunicaron hoxe nun encontro con representantes da hostalería que tampouco será preciso o rexistro de usuarios e explicaron que se amplían os límites de comensais por mesa ata un máximo de 10 no interior e 20 no exterior

Alfonso Rueda agradeceu aos hostaleiros o seu esforzo e responsabilidade desde o inicio da pandemia para velar polo cumprimento das medidas acordadas co obxectivo de frear o avance do virus

Tamén lembrou o diálogo fluído mantido entre a Xunta e o sector que deu lugar a acordos cos que garantir unha hostalería segura e o apoio aos hostaleiros con máis de 120M€ investidos o ano pasado

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o  conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro con representantes da hostalería para comunicarlles a decisión de retirar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais de hostalería, tras a reunión de onte do comité clínico.

Deste xeito, desde as 00,00 horas deste sábado quedará sen efecto esta medida que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizara ata esa data. Tamén se informou de que non será preciso continuar co rexistro de usuarios e que, en canto á limitación de comensais por mesa, se ampliará de 8 ata un máximo de 10 persoas no interior e pasará de 15 a 20 no exterior.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, engadiu a importancia de manter a obrigatoriedade do uso da máscara no interior dos locais salvo no momento do consumo e de seguir avanzando co sector nas medidas relacionadas coa ventilación. Nesta liña, aclarou que se acordan estas medidas tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica e o bo ritmo de vacinación na comunidade.

Alfonso Rueda indicou que se abre unha nova etapa “deste camiño do que falta moi pouco para volver á normalidade” e agradeceu o esforzo e a responsabilidade do sector desde o primeiro momento da pandemia co cumprimento das medidas e restricións acordadas nos momentos de aumento dos contaxios, o que axudou a “salvar vidas”.

Ademais, lembrou o diálogo fluído e constante en todo este tempo e os acordos aos que se chegou cos hostaleiros en varias ocasións coa posta en marcha de plans cos que precisamente garantir a seguridade sanitaria e que esta se puidese compatibilizar cunha hostalería segura mantendo a actividade económica causando o mínimo prexuízo posible e con independencia da incidencia da covid.

O vicepresidente primeiro da Xunta reiterou o agradecemento aos hostaleiros polo seu esforzo e destacou que o Goberno galego mantívose ao seu lado nos meses máis difíciles da pandemia por ser un dos ámbitos máis afectados polo impacto das restricións. Por iso, a Xunta realizou un importante esforzo o ano pasado para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento de máis de 120 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta e 35,7 millóns de euros a distintas liñas de axudas para apoiar ao turismo galego, incluíndo aos locais de hostalería e do ocio nocturno, no marco do plan de choque para o reforzo do sector turístico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2022