Entre o 1 e o 21 de marzo estará aberto o prazo de admisión nos centros escolares para o curso 2022/23

Este procedemento vai dirixido a todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, así como os de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles

Os trámites poden realizarse vía telemática na aplicación informática creada para tal fin no Portal Educativo

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022.- Desde o vindeiro martes día 1 e ata o 21 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de admisión nos centros escolares para o vindeiro curso 2022/23, para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.
Unha vez pechado o prazo de solicitudes, as listas provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 25 de abril, as definitivas antes do 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 25 de xuño ao 10 de xullo para os de ESO e Bacharelato.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación.

Deste xeito, garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial.

Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.

Tal como quedou establecido no sorteo público que tivo lugar hoxe mércores na Consellería, en caso de empate de puntos para unha mesma praza, as letras de prioridade establecidas neste sorteo foron “V” e “U” para o primeiro apelido e “A” e “Z” para o segundo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/02/2022