Galicia adhírese ao acordo con Castilla y León, Andalucía, Valencia, Navarra e Estremadura para compartir e desenvolver contidos de capacitación dixital

O seis gobernos autonómicos compartirán coñecementos e recursos formativos e tecnolóxicos de xeito que se poidan implementar nos seus territorios

O convenio aglutina esforzos para evitar duplicidades e ampliar a oferta formativa e as capacidades para facilitar o acceso de toda a sociedade ás competencias dixitais

Galicia suma así unha iniciativa máis as medidas en marcha para facilitar a capacitación dixital como o Plan de Ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e o Marco Galego de Competencias Dixitais

O obxectivos establecidos na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no Plan de Recuperación e Resiliencia é que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas no 2025 e que máis de 45.000 persoas consigan a acreditación en competencias dixitais en tres anos
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, súmase ao acordo subscrito polas Comunidades de Castilla y León, Andalucía e Valencia para desenvolver contidos e compartir recursos orientados á capacitación dixital da sociedade. A adhesión formalizouse esta semana nunha comisión de seguimento, na que participou a directora da Axencia, Mar Pereira; e na que tamén se adheriron ao acordo as comunidades de Navarra e Extremadura.

Os seis gobernos autonómicos comprométense a coordinarse para fomentar a adquisición de competencias dixitais na sociedade, compartindo recursos formativos e tecnolóxicos e coñecementos de xeito que se poidan implementar nos seus territorios.

O acordo establece catro espazos de compartición entre as comunidades adheridas. Por unha banda, a compartición da plataforma de autodiagnóstico de competencias dixitais desenvolvida pola Junta de Andalucía así como os futuros desenvolvementos e contidos da mesma para evitar duplicidades. Por outra a compartición de contidos de formación presencial e online para ampliar a oferta formativa na capacitación dixital. Ademais, o acordo tamén establece que se compartan os recursos relativos á certificación das competencias dixitais, cuxo contido será cedido pola plataforma de certificación de competencias dixitais de la Junta de Castilla y León.

As comunidades adheridas se comprométense tamén a colaborar activamente na promoción e difusión das competencias dixitais, ben a través o intercambio de boas prácticas, eventos ou actividades divulgativas e de difusión.

Este acordo súmase ás liñas de actuación que está a desenvolver a Xunta de Galicia en materia de capacitación dixital. A Administración autonómica investirá 27,1 millóns de euros ata 2025 para impulsar a capacitación dixital dos galegos a través de dúas iniciativas, o Plan de Ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e a o Marco Galego de Competencias Dixitais. Ambas son medidas esenciais para cumprir os obxectivos marcados na Estratexia Galicia Dixital 2030 de que en 2025 que o 70% dos galegos e galegas teña competencias dixitais básicas, fronte ao 52,1% actual; e o establecido polo Plan de Recuperación e Resiliencia de formar en competencias dixitais a 45.790 persoas nos vindeiros tres anos.

Reforma e ampliación da Rede CeMIT

A Xunta vén de poñerse en marcha o Plan de Ampliación e Reforma da Rede CeMIT para abordar de xeito progresivo ata 2025 a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a ampliación de ata 30 novas aulas; a posta en marcha un novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais.

Para abordar este proceso asinarse un novo convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) no primeiro semestre do ano e se establecerá un mecanismo de adhesión para ata unha trintena de concellos que estean interesados en incorporarse á Rede.

Portal Marco Galego de Competencias Dixitais


A Xunta está a traballar no desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e a as probas de avaliación e autoavaliación que permitirán o acceso á acreditación das competencias dixitais segundo recolle o Marco Galego de Competencias Dixitais, cuxo decreto foi publicado o pasado mes de setembro.

Este Decreto establece a creación dun comité especializado integrado por representantes dos departamentos autonómicos de educación, emprego e función pública para a propoñer os criterios de homologación e recoñecementos de competencias Dixitais doutras administracións.

Nas vindeiras semanas está previsto que se publique o portal que recollerá a información relativa ao Marco Galego de Competencias Dixitais, https://competenciasdixitais.xunta.gal/.

O certificado galego en competencias dixitais validará 21 competencias englobadas en 5 áreas de dominio: Información e datos, Comunicación e colaboración, Creación de contido dixital, Seguridade e privacidade e Solución dos problemas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/02/2022