O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo un encontro de traballo hoxe coas entidades que forman parte do Programa de Protección Internacional

Galicia ábrese a acoller refuxiados ucraínos e ofrece os recursos e instalacións necesarios para darlles amparo

A Xunta trasladará esta mensaxe ao Goberno central nunha reunión que se celebrará para coordinar a resposta á posible chegada de cidadáns que foxen da guerra

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia tende a man e ofrece os recursos e instalacións ao seu alcance para dar amparo a refuxiados ucraínos. O Goberno galego trasladará esta mensaxe mañá ao Ministerio de Inclusión, Seguridade Social y Migraciones nunha reunión que se celebrará para coordinar a resposta á posible chegada de cidadáns que están a fuxir do seu país por mor da guerra.

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo unha reunión esta mañá cos representantes de Cruz Vermella, Diversidade, Ecos do Sur, Accem, Provivienda, Diaconía e Movemento pola Paz, o Desarme e a Liberdade (MPDL), as sete entidades que en Galicia forman parte do Programa de Protección Internacional, para coñecer a súa situación e achegarlles o seu apoio, do mesmo xeito que se fixo coa chegada de refuxiados afgáns o ano pasado.

Neste sentido, o director recordou que Galicia sempre demostrou estar á altura en todas as cuestións humanitarias, polo que desta vez non será diferente. Sinalou que a acollida de refuxiados, como calquera cuestión relacionada coa política exterior, debe coordinarse desde o Goberno central. Ademais, asegurou que Galicia porá todo da súa parte para prestar refuxio aos ucraínos en todo o que sexa posible, dentro das competencias autonómicas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/02/2022