A Xunta traslada ao Goberno central a súa "total dispoñibilidade" para colaborar no acollemento de menores ucraínos

Malia que a prioridade é manter a unidade das familias refuxiadas, pon os seus recursos a disposición no caso de que o Executivo central realice actuacións específicas para nenos ou adolescentes do sistema de protección de Ucraína

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia trasladou ao Goberno central a súa “total dispoñibilidade” para colaborar no acollemento de menores que proveñan de Ucraína. A Consellería de Política Social ofreceuse a achegar todos os recursos á súa disposición nunha carta que remitiu esta mesma mañá ao Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.
No documento, o Goberno galego lembra que carece de competencias para poder tramitar, de ser o caso, “a chegada á nosa terra daqueles nenos, nenas e adolescentes do sistema de protección de Ucraína que, dada a situación de emerxencia que vive o país, sexa necesario trasladar a España”.
Por esta razón, engade, no caso de que estea prevista algunha actuación específica sobre os nenos, nenas e adolescentes do sistema de protección de Ucraína, “desde a Xunta de Galicia queremos trasladar o noso ofrecemento para colaborar en dita actuación, poñendo a disposición os nosos recursos”. A Xunta descoñece nestes momentos se desde o Goberno de España está previsto realizar algunha intervención deste tipo, polo que pide que se manteña aberta a canle de comunicación para manterse informada de posibles medidas no futuro.

Listaxe de recursos a disposición

Ademais, Galicia trasladará ao Goberno central unha listaxe de recursos dos que dispón para acoller refuxiados do conflito. A Xunta xa puxo á súa disposición 432 camas nas sete áreas sanitarias galegas para prestar asistencia á poboación de Ucraína.
O Goberno galego cre que a colaboración neste tipo de circunstancias humanitarias debe ser coordinada desde o Executivo central, polo que propuxo a apertura dun mecanismo permanente de coordinación para o envío de axuda humanitaria.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/03/2022