A Xunta destaca a importancia da Lei de Acción Exterior na proxección da cultura galega en todo o mundo

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou esta mañá na xornada organizada pola Xunta e o Consello da Cultura Galega para informar da norma aos axentes culturais no seu primeiro aniversario

Lembrou que o Goberno galego está a traballar na Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), que afrontará ata 2026 a presenza de Galicia noutros países a partir da Lei de Acción Exterior

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá xunto coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración das xornadas destinadas a axentes culturais para abordar a importancia da Lei de Acción Exterior aprobada hai case un ano que, entre outros obxectivos, aposta pola proxección da cultura galega no mundo. Ao acto tamén asistiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.
Alfonso Rueda lembrou que o Goberno galego está a contribuír a mellorar a proxección de Galicia no exterior a través da aplicación da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX), a partir precisamente da Lei 10/2021 do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación. Entre os eixos desta norma pioneira destacan Portugal e os países da lusofonía, Europa e a UE ou a cooperación para o desenvolvemento. A Xunta xa está a actualizar a EGAEX para o período 2022-2026 que servirá, por exemplo, para abordar con maior éxito os desafíos derivados do impacto da pandemia do coronavirus ou a asunción dos fondos comunitarios.
En canto á influencia da Lei de Acción Exterior na actividade do Consello da Cultura Galega, o vicepresidente primeiro da Xunta explicou que este organismo queda habilitado como suxeito cualificado da acción exterior na defensa e promoción dos valores culturais de Galicia. Así, poderá asesorar ás entidades públicas galegas neste ámbito e subscribir acordos internacionais con obxectivos análogos como a Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa.
En definitiva, coa Lei de Acción Exterior o Consello da Cultura Galega contará con mellores ferramentas para traballar na defensa, a promoción e a difusión dos valores culturais de Galicia noutros países, ao igual que a visibilización do tecido cultural e os produtos culturais galegos, favorecendo ademais os intercambios culturais co obxectivo de dar a coñecer o noso patrimonio cultural fóra do territorio galego.
A Xunta tamén recoñece a colaboración deste organismo no que se refire á promoción do uso e o recoñecemento da lingua galega nas institucións internacionais e naqueles ámbitos con representación oficial, así como a tradución de textos galegos a outras linguas e a defensa desde Galicia a favor da diversidade lingüística e cultural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/03/2022