O Sergas realizará unha nova convocatoria de 1.070 prazas fixas para persoal de enfermería

A convocatoria acordouse hoxe na reunión da mesa sectorial de sanidade e será publicada nos próximos días no Diario Oficial de Galicia

Os exames de OPE doutras 24 categorías se realizarán no vindeiro mes de abril e tamén en maio, onde están convocados case 13.000 aspirantes

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Servizo Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia, nos próximos días, unha nova convocatoria de 1.070 prazas fixas para persoal de enfermería das institucións sanitarias do organismo. Así se acordou hoxe pola mañá na reunión da mesa sectorial de Sanidade, que estivo presidida pola directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez. As prazas convocadas son 1.070, acumulando as ofertadas nos anos 2019, 2020 e 2021, sendo posible que se incremente este número coas que resulten da aprobación do decreto de oferta pública de emprego para 2022, que se publicará antes do 1 de xuño, e que conterá prazas tanto da taxa de reposición ordinaria como da taxa adicional de estabilización.
Ademais de incorporar algún axuste no baremo respecto a procesos anteriores, nesta convocatoria, e no actual contexto, reducirase a nota de corte para superar o examen específico da fase de oposición do 50% ao 35%, .
A convocatoria incluirá unha puntuación adicional por servizos prestados durante a pandemia nesta categoría sanitaria, en aplicación do disposto na Lei 4/2021 do 28 de xaneiro de medidas fiscais e administrativas de Galicia, co dobre do valor. Tamén se incluirán medidas recollidas no Primeiro Plan de Igualdade con respecto ás mulleres xestantes con problemas para desprazarse no momento de realizar o exame.
Na convocatoria redúcese a promoción interna dun 50% a un 25% das prazas para dar maior número de prazas ao acceso libre.
Sinalar, así mesmo, que o 60% da puntuación na convocatoria é para a fase de examen e o 40% para méritos de formación, experiencia e outros, como a investigación e publicacións, asi como a puntuación adicional por prestación de servizos en pandemia.
Co propósito de que poida participar o maior número de aspirantes posible, incluíndo as persoas da última promoción de enfermería que rematarán os seus estudos universitarios o vindeiro mes de xuño, o Servizo Galego de Saúde vai fixar a data límite para a inscrición neste proceso no 15 de xullo de 2022.
Esta nova convocatoria súmase a outras medidas adoptadas polo Executivo galego para dar maior estabilidade aos profesionais sanitarios, como o Plan de estabilidade do emprego e provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas ou a implementación do nomeamento de continuidade para médicos de familia, pediatras de atención primaria e persoal de enfermería.

Cronogroma OPE 2022

Na reunión, os responsables de Recursos Humanos do Sergas informaron ás organizacións sindicais dun calendario coa previsión de datas de realización dos exercicios da fase da oposición da OPE en curso, con categorías que comprenden persoal de oficios, informática e persoal licenciado sanitario de hospitais, que se vai desenvolver nos vindeiros meses de abril e maio. Para esta OPE están inscritos preto de 13.000 aspirantes.
En concreto, segundo este cronograma, para o día 23 de abril estarían convocados os facultativos especialistas de cirurxía oral e maxilofacial; de cirurxía pediátrica; de cirurxía, estética, plástica e reparadora; de inmunoloxía; de oncoloxía radioterápica; así como os fontaneiros e os costureiros.
O domingo 24 de abril acudirían ao Recinto de Silleda os pinches (discapacidade intelectual) e técnicos de farmacia (discapacidade intelectual); e o día 7 de maio os conductores e os pinches de acceso libre, promoción interna e discapacidade xeral.
O domingo 8 de maio os chamados a examinarse serían os da categoría de calefactores, logopedas, técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, os traballadores sociais, os técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e o persoal de lavandería.
Xa para rematar, o sábado 14 de maio sería a quenda dos cociñeiros, mecánicos, terapeutas ocupacionais e os telefonistas, e para o domingo día 15 citaríanse aos electrícistas, pasadores de ferro e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías da información.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/03/2022