A Xunta e o Goberno central apostan pola coordinación entre todas as administracións e entidades implicadas para garantir a axuda ás persoas desprazadas de Ucraína

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron xunto co delegado de Goberno en Galicia, José Miñones, nunha reunión para abordar a crise humanitaria derivada do conflito en Ucraína

O Goberno galego propón a creación dun plan nacional de acollida para garantir os dereitos básicos dos desprazados

Alfonso Rueda reafirma o compromiso do Goberno galego coa poboación ucraína desprazada, pero pide medios e coordinación ao Goberno central para que as CCAA poidan facer fronte a esta emerxencia humanitaria
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022.- A Xunta e o Goberno central apostan pola coordinación entre todas as Administracións e entidades implicadas para garantir a axuda ás persoas desprazadas de Ucraína. Así se acordou hoxe nunha reunión entre o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar a crise humanitaria.
Na reunión, a Xunta propuxo a creación dun plan nacional de recepción e acollida de persoas desprazadas procedentes de Ucraína que defina con claridade os protocolos que rexerán a súa chegada e articule e ordene os esforzos despregados polas distintas Administracións e entidades.
O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa poboación ucraína, pero pediu medios e coordinación para que as comunidades autónomas poidan facer fronte a esta emerxencia humanitaria e garantir as necesidades e os dereitos das persoas desprazadas. De entrada, o vicepresidente primeiro considerou “prioritario” habilitar con urxencia prazas de primeira acollida para as entidades que xestionan o sistema de protección internacional co financiamento necesario.
Rueda e García trasladáronlle a Miñones a necesidade de habilitar recursos económicos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais para que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención sanitaria e educativa aos desprazados, así como promover a súa inclusión social e facilitarlles o acceso ao emprego.
Para acadar eses obxectivos, o Goberno galego considera necesario establecer canles fluídos de información en tempo real sobre o número de refuxiados que chegan a Galicia, a súa identidade e o lugar no que se aloxan para facilitar o seu acceso á sanidade e á educación en condicións de igualdade, así como medidas de protección específicas para os menores de idade, sobre todo, os non acompañados.
O Goberno galego considera necesario e urxente garantir o dereito á educación dos refuxiados e o acceso ao sistema de saúde, así como a posibilidade de que accedan a un posto de traballo, para o que considera necesario que as persoas desprazadas poidan homologar a súas titulacións. Tamén considera imprescindible que se adopten medidas que lles permitan acceder á cobertura sanitaria e farmacéutica.
Os representantes do Goberno galego incidiron tamén na necesidade de facer os cambios normativos necesarios para que estas persoas poidan acceder, en caso de necesitalo, ao ingreso mínimo vital e asegurarse así os medios para unha subsistencia digna mentres non poidan optar a un posto de traballo.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/03/2022