O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal inaugurou a Semana forestal cunha plantación en Ordes, tras realizar un tramo do Camiño Inglés

A Xunta conmemora o Día Internacional dos Bosques con plantacións de especies autóctonas por toda Galicia

As especies escollidas para as forestacións -que se promoven en colexios ou asociacións- son o carballo, o castiñeiro, a abeleira, o ameneiro, o salgueiro, o freixo, o capudre, o espiño e o sabugueiro

A Semana forestal impulsada polo Goberno galego culminarase o sábado cunha plantación na Ínsua dos Poetas do Carballiño, tras levar a cabo outras en puntos como a localidade pontevedresa de Moraña ou a lucense de Begonte

Ordes (A Coruña), 21 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, inaugurou esta mañá -cunha plantación de especies autóctonas- a Semana forestal impulsada pola Xunta co gallo da celebración do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora hoxe 21 de marzo. A forestación, que contou coa presenza do director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa, levouse a cabo tras realizar un pequeno tramo do Camiño Inglés, co obxecto de promocionar ao tempo unha das rutas máis populares para chegar a Compostela neste Xacobeo 21-22.

A deste luns foi a primeira dunha serie de plantacións que se espallarán nos vindeiros días por toda Galicia. As especies escollidas para estas accións son todas árbores e arbustos autóctonos. En concreto, o carballo, o castiñeiro, a abeleira, o ameneiro, o salgueiro, o freixo, o capudre, o espiño e o sabugueiro.

Organizadas desde os servizos provinciais de Montes e coa participación dos distintos distritos forestais, as plantacións promoveranse en colexios ou asociacións. A central da provincia da Coruña era a de hoxe en Ordes, mentres a de Ourense será a que culminará a Semana forestal, o vindeiro sábado 26 na Ínsua dos Poetas do Carballiño. A principal forestación de Lugo terá lugar tamén o sábado, nun monte veciñal en Begonte, en colaboración coa Federación de veciños da provincia, mentres a de Pontevedra se desenvolverá na escola unitaria do Souto, en Moraña, o próximo venres.

Cabe engadir que esta Semana forestal veu precedida dunhas videoxornadas celebradas entres os pasados 16 e 18 de marzo, centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no Inventario forestal continuo de Galicia. A cita contou coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e con outros representantes de diferentes departamentos da Xunta, como da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou do Instituto Galego de Estatística. Ademais, participaron expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal da nosa comunidade.

Así, a primeira das videoxornadas -sobre dixitalización e descarbonización- abordou aspectos como o fondo documental do monte galego, o sistema de indicadores forestais en tempo real ou os servizos web aplicados ao sector forestal de Galicia. Tratouse tamén a plataforma para a introdución dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, así como a rastrexabilidade da madeira baixo tecnoloxía blockchain.

Pola súa banda, a segunda webinar xirou arredor do Inventario forestal continuo de Galicia. Así, houbo achegas de diferentes expertos sobre os primeiros resultados do prototipo de mapa forestal a nivel de concello, sobre o informe sociodemográfico da rede base do Inventario e dos solicitantes de aproveitamentos forestais e sobre a rastrexabilidade da actividade forestal.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 21/03/2022