A Xunta valora o Plan director 21-23 como ferramenta prioritaria que está a guiar a recuperación do turismo

A directora de Turismo de Galicia compareceu diante da Comisión 6ª do Parlamento para dar conta do avance na folla de ruta do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro.

Os plans de rescate así como outras medidas de carácter transversal e multisectorial postas en marcha o ano pasado permitiron a supervivencia do turismo galego que agora avanza no camiño da excelencia, a dixitalización e a sostibilidade.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu diante da Comisión 6ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos avances na folla de ruta do Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, que suporá un investimento total de 478M€ no conxunto do tecido turístico co obxectivo de recuperar a senda de crecemento do sector turístico antes da pandemia.
A directora de Turismo de Galicia puxo en valor a posta en marcha e execución do primeiro ano do plan, que se puxo en marcha “cando era máis preciso garantir a supervivencia do tecido turístico”, afirmou a directora, destacando que a maioría deste orzamento consignouse en plans de rescate e en liñas de axuda inxeridas no marco do Plan de Choque de Turismo de Galicia, dotado con 35,7M€, así como noutros programas e medidas de carácter transversal e multisectorial que permitiron levar adiante actuacións que contribuíron a garantir e mellorar a situación do tecido turístico galego.
“Estamos a reinventar o ecosistema turístico galego e o estamos a facer da man dun plan trianual creado da man do sector e das universidades galegas co obxectivo de que o sector turístico galego recupere a senda de crecemento e de éxito que marcaba en 2019, previa á pandemia”, explicou Nava Castro.
A responsable de Turismo de Galicia destacou que, a través das sete liñas de actuación postas en marcha, estanse a levar adiante máis de medio cento de accións encamiñadas á mellora da dixitalización, comercialización e promoción do destino, creación de novos produtos turísticos, aposta pola seguridade sanitaria, mellora da conectividade ou impulso da economía circular, entre outras.
Todo iso co obxectivo de “seguir a traballar para consolidar Galicia como destino ideal e de excelencia postcovid”, explicou Nava Castro, ao tempo que a Xunta e o sector seguen a traballar da man para avanzar como destino de calidade, seguro e de saúde no horizonte 2030 apoiándose nos valores e atributos diferenciadores que permitiron a Galicia manter un mellor comportamento durante a crise e que tamén están a ser determinantes neste proceso de recuperación da demanda turística, entre os que destaca a celebración deste Xacobeo 21-22.

Data de actualización: 24/03/2022