A Xunta inviste máis de 35.000 euros en executar rozas preventivas nunhas 60 hectáreas do distrito XII Miño-Arnoia

Rozáronse faixas auxiliares e áreas cortalumes en Ourense, Toén, Barbadás, Baños de Molgas, A Bola, Gomesende, Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado

As accións enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta investiu máis de 35.000 euros en executar rozas preventivas nunha superficie de preto de 60 hectáreas do distrito XII Miño-Arnoia. En concreto, nos concellos de Ourense, Toén, Barbadás, Baños de Molgas, A Bola, Gomesende, Padrenda, Pontedeva e Quintela de Leirado, incidindo con moitas das actuacións en zonas de alto risco de incendios.
Así, rozáronse de xeito mecanizado un total de 24,94 hectáreas de faixas auxiliares, eliminando e triturando tanto matogueira como restos leñosos. Estes labores realizáronse en ambas marxes de distintas vías de comunicación e camiños en áreas forestais. As case 35 hectáreas restantes consistiron na roza e eliminación de mato en áreas cortalumes, de xeito manual pero tamén mediante maquinaria. O obxectivo neste caso era crear ou mellorar liñas de defensa, dificultando a propagación de eventuais incendios e facilitando os traballos de extinción.
Os montes onde se realizaron as accións situábanse, concretamente, nas parroquias de Untes, Ourense e Reza, no concello de Ourense; na de Mugares de Toén; na de Sobrado en Barbadás; na de Poedo en Baños de Molgas; na de Soutomel da Bola; na de Penosiños en Gomesende; na de San Pedro da Torre en Padrenda; na de Pontedeva do municipio homónimo e na de Mociños de Quintela de Leirado.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 31/03/2022