O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol no Encontro enerxético sobre hidróxeno verde

Conde avanza que a Xunta traballa na Axenda Enerxética de Galicia 2030 para definir as oportunidades que se abren no contexto de transición ecolóxica

Ferrol, 1 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, adiantou hoxe que a Xunta traballa neste momento na elaboración da Axenda Enerxética de Galicia 2030 para definir os obxectivos e oportunidades que se lle abren á industria galega no actual contexto de transición ecolóxica.

Durante a súa intervención nun novo encontro enerxético dos que a Xunta está a organizar nas catro provincias galegas, neste caso sobre o hidróxeno verde, Conde explicou que nesta axenda serán asuntos clave a eficiencia enerxética; a integración das fontes renovables no mix enerxético; a mobilidade eficiente e sostible, a través por exemplo do hidróxeno verde; a economía circular; os biocombustibles e gases de orixe renovable e a innovación tecnolóxica.

Os obxectivos, entre outros, serán converter Galicia nun polo enerxético innovador promovendo a colaboración público-privada e captación e retención de talento, e construír unha industria eficiente e sustentable impulsando proxectos de economía circular e apoiando a formación. Segundo dixo, é o momento de apostar polo binomio industria-sustentabilidade e polas enerxías renovables.

Neste momento, para facer fronte ao alto prezo da enerxía, Galicia anticipouse ao Goberno cun plan de apoios para as familias e os sectores máis afectados que recolle, entre outras medidas, dúas liñas de incentivos financeiros que suman 70 M€ e prevén mobilizar 140 M€. Tamén o compromiso de convocar axudas por máis de 128 M€ para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética en fogares e empresas a través do uso das renovables. Entre elas, 2 M€ máis ao Renove Automoción para fomentar a mobilidade sustentable. E 2 M€ para o Bono Enerxía Peme, co obxectivo de reducir o consumo enerxético no comercio, a hostalería e as pemes.

Perte de Enerxías Renovables

Conde subliñou que a gran oportunidade vai estar no Perte de Enerxías Renovables, para o que Galicia xa ten preparada unha candidatura que recolle un conxunto de proxectos, maioritariamente, centrados na xeración e outros usos do hidróxeno, por un total de 3.831M€. Unha candidatura que conta coa colaboración de empresas líderes do sector como Naturgy, Repsol, EDP Renovables e Reganosa, con proxectos como o desenvolvemento dunha planta de xeración de hidróxeno verde e enerxía renovable (principalmente eólica), incluído no Polo para a Transformación de Galicia cun investimento de 130 M€.

Na mesma liña, a manifestación de interese convocada pola Xunta para identificar proxectos no ámbito do hidróxeno verde —dirixida tanto a pemes como a grandes empresas— recibiu 54 propostas, repartidas entre 44 promotores diferentes. Entre elas, destacan as vencelladas á adaptación de procesos, os proxectos piloto ou de carácter demostrativo ou as iniciativas sobre hidróxeno que se centran no desenvolvemento de I+D+i.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2022