A Xunta aposta por impulsar un ecosistema emprendedor capaz de conxugar innovación, dixitalización e sustentabilidade

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Vigo no “Startup Congress Galicia 2022”, onde puxo en valor a importancia de emprender “tomando a creatividade e o talento como punto de partida e a tecnoloxía como ferramenta clave”

Subliña a importancia das iniciativas que está a impulsar o Goberno galego neste eido, como a rede galega de aceleradoras que inclúe as business factories de alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) e farmacéutica (BFMedicines)
 

Vigo, 1 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director do Igape, Fernando Guldrís destacou hoxe a importancia do emprendemento no marco das políticas económicas que está a promover a Xunta e avogou por seguir impulsando un ecosistema emprendedor “capaz de conxugar innovación, dixitalización e sostenibilidade”.

Durante a súa intervención no “Startup Congress Galicia 2022”, en Vigo, Guldrís salientou que “todo o sacrificio e o esforzo que supón emprender ten no Goberno galego un firme respaldo, porque impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”. É por iso que defendeu a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida e a tecnoloxía como ferramenta clave”.

O director do Igape salientou iniciativas como a rede galega de aceleradoras que inclúe as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou a industria farmacéutica (BFMedicines); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).

Esta aposta, lembrou, compleméntase con outros proxectos e liñas de apoio, como os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais de Galicia; ou os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados.

“Estamos a falar, en definitiva, dun amplo ecosistema onde poden ver a luz novas empresas e startups como as que nos tedes acompañado ao longo deste encontro”, subliñou Guldrís en referencia a un evento que reúne estes días as distintas aceleradoras galegas e a máis de medio millar de fondos de investimento na procura de facilitar o desenvolvemento de novos proxectos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/04/2022