A Xunta subliña en Bilbao que o desenvolvemento da eólica mariña debe garantir a súa compatibilidade coa pesca e a preservación do ecosistema

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou nunha mesa redonda organizada pola Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas e a WindEurope Conference

Lembra que en Galicia se creou o ano pasado o Observatorio de Eólica Mariña para estudar entre todos os axentes implicados os diferentes aspectos do seu desenvolvemento

Fai fincapé tamén en que é preciso que se axilice ao máximo o desenvolvemento normativo en España, achegando así seguridade xurídica aos investidores e ao sector marítimo-pesqueiro
 

Bilbao, 4 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, salientou hoxe en Bilbao as capacidades da industria galega no eido da enerxía eólica mariña e que o seu desenvolvemento debe pasar sempre por garantir a súa compatibilidade coa actividade pesqueira e a preservación do ecosistema.

Na súa intervención na mesa redonda de apertura do seminario sobre enerxías renovables offshore organizado en Bilbao pola Comisión do Arco Atlántico da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) e a WindEurope Conference, a directora xeral fixo fincapé en que Galicia, ademais de ser a rexión con maior recurso eólico offshore da Península Ibérica polas súas condicións de vento, é tamén unha potencia a nivel industrial.

Neste sentido, lembrou que das 13 estruturas flotantes realizadas no mundo, 11 se realizaron en Galicia, o que, segundo sinalou, demostra o papel que están a xogar tanto as grandes empresas tractoras como as pemes que fabrican de compoñentes no marco de toda a cadea de valor desta tecnoloxía. Paula Uría destacou que estas empresas galegas están apostando claramente polo impulso da internacionalización dos seus produtos, do seu know-how e da súa tecnoloxía.

Uría puxo tamén de relevo que desde o Goberno galego se traballa desde o convencemento de que para un correcto desenvolvemento deste sector é preciso garantir a compatibilidade coas actividades existentes, con especial sensibilidade co sector pesqueiro e o respecto ao medio natural. Neste sentido, lembrou que en Galicia se creou en xuño de 2021 o Observatorio de Eólica Mariña, un foro de encontro e análise para que todos os axentes implicados poidan estudar os diferentes aspectos que permitan o seu desenvolvemento ordenado.

Nun acto presidido pola secretaria xeral de Acción Exterior do Goberno vasco, María Ángeles Elorza, no que tamén participaron representantes de Alentejo (Portugal), Bretaña (Francia), Donegal (Irlanda), Países do Loira (Francia), Gales (Reino Unido), Asturias e Navarra, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais subliñou que é preciso que se axilice ao máximo o desenvolvemento normativo en España, achegando así seguridade xurídica aos investidores e ao sector marítimo-pesqueiro.

Neste sentido, a Xunta está á expectativa de coñecer o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que dependen do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Nesta folla de ruta deberán establecerse cales son as zonas nas que se poderá estudar a posibilidade de instalar parques, así como as liñas de evacuación.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/04/2022