O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade foi entrevistado hoxe na Radio Galega

Román Rodríguez confirma a incorporación da materia de Filosofía ao currículo de ESO para o vindeiro curso

Denuncia que a publicación da parte estatal dos textos constata a devaluación da cultura do esforzo e racha coa igualdade de oportunidades e co papel da educación como ascensor social

Fronte a isto, reivindica o modelo propio de Galicia avalado polos resultados, polo que a Xunta seguirá apostando reforzando contidos académicos vinculados ás competencias técnicas e STEM, pero tamén a formación humanista coa incorporación da Historia anterior a 1812 na etapa de Bacharelato

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022
Compartir
  • whatsapp

Galicia incorporará a Filosofía no currículo de Educación Secundaria Obrigatoria para o próximo curso como materia optativa. Así o confirmou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha entrevista no programa Galicia por Diante da Radio Galega, onde explicou que o seu departamento está traballando no reforzo dos contidos humanistas dos currículos para arranxar as eivas da parte estatal dos textos elaborados polo Ministerio de Educación, que se unirá ao impulso de competencias técnicas e STEM.

Nesta liña, a Consellería de Educación vai introducir como optativa a materia de Filosofía en ESO, aínda que nestes momentos os equipos de traballo están perfilando a parte autonómica para ver en que curso se vai ofertar. “O obxectivo -sinalou o conselleiro- é formar cidadáns críticos, libres e que non sexan manipulables”. A isto engádese tamén a incorporación da Historia de España anterior a 1812 na etapa de Bacharelato, cuestión que foi obviada polo Goberno do Estado no currículo desta etapa aprobado onte no Consello de Ministros.

Doutra banda, o conselleiro aproveitou para advertir, unha vez máis, que a constante tardanza por parte do Ministerio e os cambios nos textos -os definitivos non se correspondente cos borradores postos a disposición das Comunidades Autónomas- “está xerando un caos e improvisación que pon en serio risco a organización do curso”.
“As Comunidades -explica- estabamos traballando con borradores, que son diferentes aos textos publicados, polo que precisamos dun tempo de adecuación de contidos ademais doutro de tramitación administrativa dos nosos decretos para o que se precisan entre seis e sete meses”. “Isto significa que imos iniciar o curso sen ter aprobados os decretos”, alerta.

Rachar coa cultura do esforzo

Así mesmo denuncia que a publicación da parte estatal dos currículos de todas as etapas “desgraciadamente nos confirma a devaluación da cultura do esforzo e racha coa igualdade de oportunidades e co papel da educación como ascensor social”. “O Goberno do Estado está dando pasos constantes para devaluar un sistema educativo que está sufrindo cambios e modificacións que xeran un estrés moi potente no sistema”.

Fronte a iso, explicou que o seu departamento vai seguir traballando para blindar o sistema educativo galego como un “modelo propio e de éxito” avalando polos informes externos a través da aposta “pola calidade, pola igualdade de oportunidades, pola equidade, apostando por quen máis o precise e pola educación en valores”.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/04/2022