O Sergas publica o lugar, a data e a hora dos exercicios da fase de oposición de nove categorías da OPE 2022

Terán lugar os días 23 e 24 deste mes

En próximas datas, procederase á publicación do horario e portas de acceso das categorías que realizarán os exercicios de oposición nas datas do 7, 8, 14 e 15 de maio
 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, polo que se dá publicidade ao lugar, data e hora de realización dos exercicios da fase de oposición dos procesos selectivos para o acceso ás categorías de facultativo especialista de área das especialidades de cirurxía oral e maxilofacial; cirurxía pediátrica; cirurxía plástica, estética e reparadora; inmunoloxía; oncoloxía radioterápica; fontaneiro; costureiro; pinche (quenda de discapacidade intelectual); e técnico en farmacia (quenda de discapacidade intelectual), que realizarán os exercicios o sabado 23 e domingo 24 de abril próximos, no Recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda.
En concreto, o día 23 de abril, ás 9.30 horas, examinaranse os facultativos especialistas de cirurxía oral e maxilofacial; de cirurxía pediátrica; de cirurxía plástica, estética e reparadora; de inmunoloxía; de oncoloxía radioterápica; así como os fontaneiros. Xa pola tarde, ás 15.30 horas, examinaranse as persoas que optan ás prazas da categoría de costura.
O domingo 24 de abril, ás 10 horas, acudirán ao Recinto de Silleda os pinches (quenda de discapacidade intelectual), e os técnicos de farmacia (quenda de discapacidade intelectual).

Medidas de seguridade e organizativas

Como aspectos máis destacados do proceso, o Sergas sinala que a acreditación para o acceso ao lugar de realización das probas efectuarase a través de código QR, que o aspirante terá á súa disposición en Fides/expedient-e, desde a data da publicación en DOG, e que deberá levar impreso o día do exame. Non se efectuará chamamento individualizado dos aspirantes.
Así mesmo, cada aspirante terá asignado un número de posto de exame (mesa), que deberá ocupar para a realización das probas, e que se anticipará a efectos informativos desde o 8 de abril na páxina web do Sergas, ademais de formar parte da información contida no código QR.
Non está permitido o acceso das persoas aspirantes ao interior do recinto de realización das probas con teléfonos móbiles nin ningún outro dispositivo con soporte de memoria.
En próximas datas, procederase á publicación do horario e portas de acceso das categorías que realizarán os exercicios de oposición nas datas do 7, 8, 14 e 15 de maio.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/04/2022