O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e a directora da Axencia Turismo de Galicia participaron na inauguración da edición número 42 deste evento

A Xunta pon de relevo na Feira do Viño de Amandi o potencial da próxima Lei da calidade alimentaria para enxalzar o bo facer das adegas e viticultores galegos

No marco desta posta en valor dos nosos produtos agroalimentarios de calidade, José Luis Cabarcos destacou a boa acollida dos viños galegos nas feiras Alimentaria e Barcelona Wine Week, así como a próxima presenza no Salón Gourmets de Madrid

Tamén se referiu á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta, que persegue consolidar o sector nos diferentes mercados
 

Sober (Lugo), 9 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, acompañado da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou este mediodía na inauguración da XLII Feira do Viño de Amandi, onde puxo de relevo o potencial da próxima Lei da calidade alimentaria para enxalzar o bo facer das adegas e viticultores galegos. Nesa liña, José Luis Cabarcos lembrou que o grande obxectivo da nova norma -que vén de iniciar a tramitación do seu anteproxecto- é que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

Entre outras novidades que poderán ser aproveitadas polo sector do viño, apuntou o director, a nova Lei regulará unha certificación de sustentabilidade que busca fomentar o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e da cidadanía, así como unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor. Tamén se crearán dous órganos de consulta e participación do propio sector e potenciarase a compra ou contratación pública de produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido.

Precisamente no marco da posta en valor das producións agroalimentarias galegas, José Luis Cabarcos destacou na súa intervención a boa acollida dos viños galegos nas feiras Alimentaria e Barcelona Wine Week que se veñen de celebrar esta semana, onde se puideron degustar acompañados doutros produtos da nosa terra con distintivo de calidade. Un éxito que se agarda repetir -dixo- no próximo Salón Gourmets que terá lugar en Madrid do 25 ao 28 deste mes de abril.

A maiores, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria aludiu á Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia promovida pola Xunta, que xa está en marcha para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade dos viños galegos como o turismo vinculado aos territorios onde se producen para servir de panca de impulso da nosa economía.

Cabe engadir que tanto o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria como a directora da Axencia Turismo de Galicia, ademais de participar na inauguración, tamén estiveron na entrega de premios ás mellores elaboracións.

Viño de Amandi

A Feira do Viño de Amandi chega á súa edición número 42 para render homenaxe, unha vez máis, aos viños desta subzona da denominación de orixe Ribeira Sacra. Os visitantes, poden degustar este viño mencía con diferentes produtos da zona, como queixos, pan ou mel.

A festa, declarada de Interese Turístico, busca poñer de relevo a importancia da actividade vitivinícola na Ribeira Sacra, dando impulso e prestixio ao produto resultante do cultivo da vide nos coñecidos socalcos, no marco da chamada viticultura heroica.

Cabe engadir que a DO Ribeira Sacra está orientada fundamentalmente á produción de viños tintos. A variedade máis cultivada é a mencía, dando lugar a viños de gran calidade, que salientan polos seus recendos limpos, elegantes e intensos, a súa cor cereixa intensa, brillante e cun ribete púrpura. Entre os viños brancos, cunha produción menor, destacan os que se obteñen das variedades godello, albariño e treixadura.

A zona amparada para a produción deste viño comprende parroquias e lugares de 20 municipios situados ao longo das ribeiras do Miño e do Sil, no sur da provincia de Lugo e no norte da de Ourense. Está constituída -ademais de pola subzona de Amandi- polas de Chantada, Quiroga-Bibei, Ribeiras do Miño e Ribeiras do Sil.

Data de actualización: 09/04/2022