O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o presidente do Padroado do Museo asina un convenio de colaboración cun investimento de máis de 430.000 euros

A Xunta incrementa o seu apoio ao Museo do Pobo Galego para a segunda fase da ampliación do seu proxecto expositivo con novas salas

Tras a apertura en xaneiro das salas da sección de Historia de Galicia na ala sur relacionadas coa época antiga e sueva, contribúese agora á montaxe de dúas novas áreas que albergarán pezas da época medieval e moderna

Román Rodríguez salienta que deste xeito se reforzará “o labor didáctico e de promoción de Galicia” levado a cabo polo museo desde a súa posta en marcha
 

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración co que a Xunta contribúe ao financiamento da segunda fase de ampliación do seu proxecto expositivo. Deste xeito, o Goberno autonómico incrementa a súa achega anual posibilitando agora tamén a montaxe de novas salas de Historia de Galicia, en concreto, sobre a época medieval e moderna que se situarán na recén inaugurada ala sur do centro museístico.

 

O titular de Cultura da Xunta indicou que se trata dunha colaboración fundamental para seguir afondando no “labor didáctico e de promoción de Galicia” que caracteriza o Museo do Pobo Galego desde os seus inicios. O convenio, que conta cun orzamento global de máis de 431.000 euros, sufraga tanto os gastos habituais do funcionamento do museo como a posta en marcha destas novas salas.

 

Inclúe, polo tanto, contribuír á programación habitual do museo integrada por exposicións temporais, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cine e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outras.

 

Ademais, dá continuidade ao traballo emprendido nos últimos tempos para reforzar a modernización do proxecto expositivo do Museo do Pobo Galego tras a primeira ampliación, en xaneiro, coa inauguración das salas da sección de Historia de Galicia na época antiga e sueva.

 

Secuencia histórica de Galicia

“Contribuímos a dar un paso máis na secuencia histórica de Galicia dando contido á ala sur do Museo. Este é un xesto máis do compromiso da Xunta cunha das institucións máis senlleiras para divulgar o noso pasado e facémolo co claro convencemento de que é necesario avanzar na musealización da nosa historia para que sexa entendida e coñecida” expresou. Román Rodríguez agradeceu, ademais, o “inxente traballo” de todo o equipo do centro museístico e de xeito especial ao presidente do Padroado, Justo Beramendi, que deixará cargo este ano.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/04/2022