Arias invita ás empresas a apoiarse no Bono Enerxía Peme da Xunta para mellorar a eficiencia enerxética dos seus negocios

O delegado territorial de Lugo visitou hoxe un dos establecementos da empresa Pan e Panaderías de Ousá, beneficiaria das achegas na pasada edición

Lugo, 18 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten aberto o prazo de solicitudes das axudas do Bono Enerxía Peme, para que as pequenas e medianas empresas e os autónomos poidan mellorar o aforro e a eficiencia enerxética dos seus negocios.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Lugo un dos establecementos da empresa Pan e Panaderías de Ousá, que resultou beneficiada o pasado ano para renovar parte do equipamento en dous locais, nos que substituíu elementos como lavalouzas e expositores refrixerados por outros de menor consumo.

Arias invitou ao tecido empresarial lucense a apoiarse neste programa, impulsado no 2021 para reactivar a economía pola situación xerada pola covid-19 e que volve convocarse dentro do Plan de choque da Xunta de Galicia para facer fronte á actual carestía dos produtos enerxéticos e a situación de inflación.

A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta ata o 14 de xullo ou ata que se esgote o crédito, que ascende a dous millóns de euros. Poden solicitar estas axudas, de tramitación electrónica, empresarios e autónomos con actividades no eido do comercio, a hostalería, artístico-recreativa e outros servizos.

O Bono Enerxía Peme cobre o 80% do custo elixible da actuación ata un máximo de 6000 euros por solicitude. Apoiarase a instalación de elementos de control solar como toldos ou láminas de control solar ou térmico de cor branca, negra e variantes; a renovación de equipamentos de iluminación interior ou exterior, incluídos rótulos, por outros que utilicen tecnoloxía led; a mellora de eficiencia enerxética en instalacións eléctricas que garantan unha subministración con calidade e fiabilidade; a renovación de equipamento consumidor de enerxía como cafeteiras, lavalouzas, lavadoras ou secadoras, entre outros; a instalación de aparellos que permitan reducir o consumo de enerxía das instalacións de climatización, ventilación e auga quente sanitaria; ou sistemas domóticos ou inmóticos para a xestión da enerxía e un gasto máis eficiente.

Arias lembrou que a Xunta aspira a convocar ao longo do ano axudas por máis de 128M€ dirixidas tanto a familias como empresas para seguir promovendo unha Galicia mais verde, á vez que se trata de paliar os efectos que a suba de prezos enerxéticos está a ter nos fogares e no tecido empresarial galego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/04/2022