Aberto o prazo de solicitudes para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores da industria e servizos

Cun orzamento de cinco millóns de euros, agárdase mellorar a competitividade empresarial a través dun aforro económico anual de 3,7 millóns de euros, mobilizar un investimento de 12,5 millóns e crear ou manter 170 empregos

Mañá, 20 de abril, tamén abre o prazo de solicitude dos apoios para fomentar o uso de enerxías renovables térmicas en empresas

Santiago, 19 de abril de 2022
Compartir
  • whatsapp

A Xunta abriu esta mañá o prazo de solicitude das axudas destinadas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores da industria e servizos.

En total, resérvanse cinco millóns de euros a esta convocatoria de concorrencia non competitiva que pretende fomentar os investimentos empresariais en aforro e eficiencia, así como reducir os custos enerxéticos das compañías e autónomos. Prevese chegar a 40 beneficiarios, mobilizar 12,5 millóns de euros, crear ou manter 170 empregos e favorecer un aforro económico anual de 3,7 millóns de euros nas facturas enerxéticas das empresas e unha redución de CO2 equivalente a plantar 615.000 árbores.

As axudas, dirixidas a empresas e autónomos, cubrirán o 35% no caso de grandes empresas, o 45% nas medianas e o 55% nas pequenas cun máximo de 500.000 euros por proxecto e un millón de euros por empresa.

Apoiaranse actuacións que xustifiquen o aforro mínimo requirido -20%- e que estean relacionadas con substitución ou mellora de equipos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo e auxiliares; renovación ou mellora de instalacións de produción de calor e frío; mellora da iluminación; ou implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión, así como auditorías enerxéticas.

Nos últimos nove anos, concedéronse preto de 1500 axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria, servizos e sector agrícola cun orzamento de 46,7M€ e unha mobilización de 127 millóns.

Renovables térmicas

Ademais desta liña de axudas, a Xunta abrirá mañá a convocatoria para fomentar o uso de enerxías renovables térmicas, dirixida a persoas que realicen unha actividade económica pola que ofrezan bens ou servizos ao mercado, polo que os principais beneficiarios serán as empresas.

O orzamento, financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, será de 6,1M€ para apoiar proxectos de biomasa, aerotermia, xeotermia e hidrotermia, así como solar térmica. Neste caso, a contía das axudas será do 35% no caso das grandes empresas, 40% nas medianas e 45% nas pequenas, cun 5% adicional se as actuacións se desenvolven en concellos que cumpran os criterios do reto demográfico. As axudas son de concorrencia non competitiva.

Con estas dúas convocatorias a Xunta sigue promovendo as enerxías renovables e a eficiencia enerxética no sector empresarial co obxectivo de avanzar cara a unha Galicia máis verde. Ambas as dúas convocatorias forman parte do Plan de aforro enerxético para empresas que, sumado ao Plan de aforro enerxético nos fogares aspira a convocar axudas por máis de 128M€ ao longo do ano. As medidas forman parte do Plan de choque da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/04/2022